Rubén Cela preside a Fundación Galiza Sempre que busca recuperar o Pazo de Meirás

TerraChaXa | LugoXa
19 Ago 2019

Rubén Cela, novo presidente da Fundación Galiza Sempre anuncia que a entidade estuda xuridicamente “personarse como acusación na demanda do Goberno central contra a familia Franco para a devolución do Pazo de Meirás”.

Cela, que recolle o relevo da Presidencia da Fundación, tras a marcha do portavoz municipal do BNG no concello da Coruña, Francisco Jorquera, avanzou as iniciativas da Fundación que seguirá funcionando, dixo, como 'Think tank' do nacionalismo galego.

Tras mostrar o “orgullo e responsabilidade” de asumir a presidencia asegurou que a entidade debe xogar un importante papel nun momento no que a política se caracteriza pola “inmediatez e infantilismo político”. Neste sentido, remarcou que a Fundación centrará os seus esforzos en facer unha reflexión máis profunda en aspectos  “cruciais” para o futuro de Galiza como nación.

Cela explicou que este ano, a Fundación cumpre 20 anos  polo que abordará un gran número de actividades na formación, divulgación, creación de pensamento nacionalista así como nas demandas  da Memoria histórica. Rubén Cela destacou o traballo da Fundación Galiza Sempre na reclamación para que o Pazo de Meirás sexa devolto ao seu lexítimo dono, o pobo galego  e lembrou o  grande contributo do libro “Meirás, un pazo, un  caudillo, un espolio” publicado pola Fundación.

Nesta nova etapa, avanzou Cela, é moi importante a liña editorial polo que abordaremos traballos novos e a reedición de obras clásicas do pensamento político na Galiza que irán acompañados de conferencias, seminarios e recursos audiovisuais. Ademais daremos grande “releve á investigación como espazo de reflexión, rigor e análise científica do conxunto do nacionalismo galego” en asuntos como o modelo de  financiamento, a ordenación territorial, acordos de libre  comercio ou  eutanasia. Outro dos piares será continuar coas reivindicacións en materia de Memoria histórica en Galiza.

No ultimo trimestre iniciaremos un ciclo de conferencias vinculadas aos mitos do españolismo no ámbito cultural, económico e social e alternativas ao deterioro da Sanidade pública galega.

Pola súa parte, o anterior presidente, Francisco Jorquera afirmou que se abre unha nova etapa na Fundación con  Rubén Cela cuxo traballo redundará na reflexión e análise política actual dominada pola “politiquería, o tacticismo, o cortoplacismo, o postureo e a busca da ocorrencia do momento”. Nesta liña  afirmou que  a Fundación Galiza Sempre   resulta “unha ferramenta fundamental”.

0.2158510684967