O Lugo presenta a Marcos Sánchez e Erik Ruiz como novos xogadores
Tivo lugar no Anxo Carro a presentación de Marcos Sánchez e Erik Ruiz como novos xogadores albivermellos. Xunto a eles estivo Roberto Sáez que describía a Erik como “un central con ampla experiencia na categoría” e agradeceulle publicamente “o esforzo que fixo por sumarse ao proxecto deportivo”, debido a que “perdeu moito diñeiro por estar aquí e iso demostra a súa forma de ser tanto como persoa como futbolista”.
Así mesmo, presentou a Marcos como “un futbolista con moito percorrido, moi bo pé e moita presenza no campo” e afirmou que “creu no proxecto que lle puxemos sobre a mesa e viuno como unha moi boa oportunidade de seguir crecendo como futbolista”. Sánchez asegurou que as conversas foron rápidas. “Roberto deume a confianza desde o primeiro momento. Transmitiume un bo proxecto, un no que ía ser importante. Estamos a adaptarnos bastante ben ao que pide o míster. A xente que está a vir nova está a encaixar moi ben co grupo. Veñen coas mesmas ganas e a mesma intensidade”
Pola súa parte, Ruiz asegurou que desde o primeiro día que ll transmitiron a idea do proxecto, “considerei que vir a Lugo era dar un paso importante na miña carreira. Ao final hai que valorar moitas cousas, non só o diñeiro e a proximidade, senón tamén as ganas de crecer xuntos. Primeira RFEF é unha categoría moi complicada, e só co escudo non se gaña. O primeiro é competir, saír cada partido a por a vitoria. Só a partir de aí poderá vir todo o demais”.