O Lugo Sala métese na final polo ascenso para enfrontarse ao Xerez

LugoXa
Venceu ao Tafa FS por 4-2 no partido de volta na segunda semifinal
lugo-sala-senior
Imaxe dos xogadores do Lugo Sala antes do inicio do partido
10 Xuño 2024

Dous pasos, dous partidos, separan ao Yakart Lugo Sala de poñer alcanzar o obxectivo. Este pasado sábado os lucenses eliminaron ao Vulcanizados Ruíz Tafa FS tras superar tamén no partido de volta por 4 goles a 2, decidindo así a serie por un total de 8-5. Desde a seriedade no seu xogo chegou o triunfo dos de Guillermo Martínez que coñeceron esta mañá que o Xerez Toyota Nimauto será o seu rival na terceira e definitiva eliminatoria da fase de ascenso á 2ª división do fútbol sala español.

O inicio de partido non puido ser mellor para os lugueses xa que ao primeiro minuto e en acción de estratexia de córner, Antonio Diz abriu o marcador co 1-0. Pero a partir de aí ao Lugo Salga custoulle durante os seguintes minutos ter frescura co balón e iso propiciou que o rival comezase a ter ocasións e ao minuto 8 empatase a contenda (1-1). Tras esa fase de partido abriríase outra na que o Yakart Lugo Sala volvía ao plan de partido previsto e ese non era outro que mandar no partido, na posesión de balón e impoñendo o seu ritmo e xerando ocasións, o que lle permitiría na fase final do primeiro período e con dous goles, poñer terra polo medio e encarrilar a eliminatoria (3-1).

Tras o descanso e co marcador a favor, Lugo Sala dominou completamente, cun rival aínda ferido por eses dous goles e que sufría outro duro golpe como era o 4-1 de Antonio Diz aos tres minutos do reinicio. Os de Guillermo Martínez non sufrían en defensa posto que o xogo posicional do Tafa FS non lles incomodaba e así transcorrerían moitos minutos nos que a Lugo Sala, como era lóxico, tocáballe saber xestionar o marcador, moi a favor, e cun rival tocado. É por iso que os navarros acabarían buscando durante moitos minutos cambiar a dinámica do partido coa estratexia do porteiro-xogador, pero Lugo Sala seguía defendéndose sen fisuras. Só un gol máis chegou a falta de menos de dous minutos para a conclusión para os visitantes que pechaba o 4-2 definitivo e que a afección lucense xa celebraba desde antes para dar ánimos aos seus para a rolda definitiva.

0.18961501121521