O luns dará comezo un novo lavado dos contedores verdes en Ribadeo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
23 Maio 2020

O luns dará comezo un novo lavado dos contedores verdes na vila e nas parroquias, segundo ven de anunciar o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije.

O edil ribadense dixo que “serán en total 600 lavados os que se realizarán durante a vindeira semana. Trátase dunha fase extra que levamos adiante para desinfectar os contedores durante o estado de alarma decretado como consecuencia da pandemia Covid-19. Queremos que estean no mellor estado posible”.

A empresa encargada deste servizo fai os lavados en varias fases ao longo do ano: unha previa á Semana Santa, outra en xuño, outra en agosto e outra antes do Nadal, “todo isto en función das necesidades que poidamos ter. En total son aproximadamente preto de dous mil lavados ao ano. Como dicía, o que imos facer a vindeira semana é un lavado extra, debido aos tempos que estamos a vivir”, sinalou Jorge Díaz Freije.

O concelleiro lembrou que “esta semana, na que nos atopamos, estivéronse a limpar tamén os contedores amarelos”.

Díaz Freije recalcou que “agora que chega o calor insisto en pedirlle á veciñanza que non saque o lixo das súas casas ata despois das nove da noite. Así evitaremos cheiros innecesarios nas rúas. Non podemos deixar o lixo nos contedores pola mañá nin a media tarde cando o sol máis quenta. Que todo o mundo o teña presente. E quero lembrar que o lixo débese depositar en bolsas perfectamente pechadas. Si poñemos da nosa parte para facer as cousas ben, para reciclar, etc… será positivo para todas e todos”.

0.17079591751099