O Mariñas Sound espera reunir máis de 10.000 persoas na súa cuarta edición en Lugo

GaliciaXa | LugoXa
O festival celebrarase os días 2 e 3 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos cun cartel encabezado por MVRK e unha ampla presenza de artistas emerxentes
presentacion-Mariñas-Sound-2026
29 Sep 2026

O Mariñas Sound celebrará os días 2 e 3 de outubro a súa cuarta edición no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, cunha programación musical dirixida especialmente ao público novo e coa que espera superar os 10.000 asistentes ao longo das dúas xornadas. O festival, que conta co apoio do Concello de Lugo, consolídase así como unha das citas musicais que anticipan a chegada do San Froilán.

A primeira xornada, o venres 2 de outubro, contará coas actuacións de 8BELIAL, Kristina, LG1DO, Yung Brandy, Sneaky Wh, 9Collazo9, Xmaseda, Sote, Da Rossi, Zero Delay, Betty Bunny, Dkprichos, Elegnelo, Yng Almo, Ene Rxt e D10z.

Pola súa banda, o sábado 3 de outubro será a quenda de MVRK, Guxo, Tarchi e outros artistas. A presenza de MVRK é unha das principais novidades desta edición, xa que, segundo explicou a organización, a súa contratación supuxo un importante esforzo para poder incluílo na programación e reforzar o atractivo do festival.

A organización cualifica esta edición como un "salto de calidade enorme" respecto das anteriores, tanto pola programación como pola dimensión que está a adquirir o evento. Na presentación participaron o CEO do festival, Bruno Castro Souto; o responsable de produción, Jaime Larrabe Vilariño, e o artista emerxente Daniel Almoina Martínez, que tamén forma parte do cartel.

O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, puxo en valor a evolución do Mariñas Sound desde os seus inicios como unha iniciativa impulsada pola mocidade ata a súa consolidación no calendario cultural da cidade. "Detrás do Mariñas Sound hai mozos que tiveron a iniciativa de crear unha proposta propia, chegar a unha cuarta edición e facelo cunha programación deste nivel demostra que hai xente nova con ideas e con capacidade para impulsar proxectos en Lugo", sinalou.

O festival volverá combinar artistas emerxentes con nomes xa consolidados nunha proposta que amplía a oferta musical de Lugo durante os días previos ás festas do San Froilán.

0.17014694213867