Mario Morla Quintet achegará o jazz castelán-leonés ao Clavicémbalo

O Clavicémbalo de Lugo acollerá o venres 15 de maio unha nova cita musical incluída na programación previa da XXXVI edición do Festival de Jazz de Lugo. O escenario da sala lucense recibirá ao Mario Morla Quintet, unha formación procedente de Castela e León que actuará a partir das 22:30 horas.
O concerto forma parte da iniciativa “Camiño ao XXXVI Festival de Jazz de Lugo”, unha proposta que busca quentar motores antes da celebración do festival e achegar ao público diferentes proxectos do panorama jazzístico actual.
A banda está integrada por Mario Morla ao piano, Javier Baíllo no contrabaixo, Gio Yáñez na guitarra, María Quiroga na trompeta e voz, e Guillermo Alonso na batería.
A actuación terá unha entrada de 10 euros e contará coa organización da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, entidade impulsora do Festival de Jazz de Lugo.