O Mercado de Nadal abre as súas portas

LugoXa
O Mercado de Nadal abriu onte as súas portas a todos os visitantes onde poderán atopar produtos locais e diversión para os mais pequenos
Mercado Nadal 2
Mercado Nadal 2
2 dic 2022

O mercado de Nadal abriu onte as súas portas a todos os visitantes e acolle a vinte empresas lucenses que ofrecen os seus produtos e servizos, unha ampla variedade de artigos de moda, artesanía, beleza, alimentación, regalo. O Mercado de Nadal encherá, durante todo o mes, de dinamización a Praza Maior e o Centro Histórico.

Un escaparate para a calidade da materia prima e do produto local e tamén do bo facer do comercio de proximidade que cada semana se renovará, dándolle a oportunidade, de xeito gratuíto, a decenas de negocios de todos os barrios de potenciar as súas vendas durante estas datas.

A alcaldesa, Lara Méndez, foi a encargada de inaugurar a campaña coa que, baixo o nome de Nadalmente Lucense, a área de Desenvolvemento Local aposta por dinamizar non só economicamente o municipio, senón tamén dunha forma lúdica xa que, entre as actividades que aglutina, ten cabida unha ampla programación dirixida a toda a familia.

Así, zancudos e elfos, provenientes de Laponia, e mesmo o Señor e a Señora Claus conseguiron congregar este xoves a multitude de público ao que guiaron polo Poboado Miúdo, permitíndolles experimentar cos xogos do Laboratorio de Probas. As crianzas puideron gozar, alén, de numerosos entretementos,entre os que se incluíu a música dunha Disco Móbil e unha chocolatada antes de que o evento culminase co Concerto de Cantos dos Ildefonsos.

A rexedora destacou o potencial da iniciativa para apoiar ao sector da hostalaría e do comercio, “fomentando a adquisición de agasallos en empresas locais, ao tempo que estamos seguros de que toda a animación que organizamos servirá tamén como reclamo para que os e as lucenses vivan e compartan na rúa a ledicia destas festas”.

Lara Méndez lembrou que o Mercado, que permanecerá aberto dende hoxe e até o 31 de decembro, estará composto por 20 casetas de madeira “nas que se instalarán, en quendas semanais establecementos de todos os puntos da cidade - dende as Gándaras, a Residencia, Paradai, San Roque, a Milagrosa, a Avenida da Coruña, Fontiñas, Augas Férreas, Albeiros, Garabolos, Recatelo, o Sagrado Corazón, e mesmo o recinto amurallado - no que será un excelente compendio de ideas coas que sorprender este Nadal aos nosos seres queridos, polo que dende o Concello convidamos a toda a cidadanía a visitalo e a beneficiarse das recompensas que, en todos os sentidos, ten mercar nel”, concluíu a alcaldesa.