O Mercado Municipal de Lugo incorpora actividades infantís todos os sábados ata final de curso

O Mercado Municipal de Lugo converterase durante os próximos meses nun novo espazo de ocio para as familias coa posta en marcha dunha programación estable de actividades infantís que se prolongará ao longo do curso escolar.
As propostas, dirixidas a nenos e nenas de 4 a 12 anos, celebraranse os sábados en dúas quendas, de 11.00 a 12.30 horas e de 12.30 a 14.00 horas. Cada sesión contará con 20 prazas e a participación será gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. As prazas cubriranse por orde de chegada.
A programación arrancará este sábado 5 de setembro co obradoiro de creatividade "Xogando coas cores". Durante este primeiro mes tamén se desenvolverán outras tres actividades: o 12 de setembro, o obradoiro de cociña "Fajitas ao estilo César"; o día 19, a proposta de reciclaxe "Personaxes creativas"; e o 26 de setembro, o obradoiro de creatividade "O noso propio chaveiro".
Estas actividades forman parte dun programa que continuará nos seguintes meses, con propostas infantís no propio Mercado Municipal ata final de curso, coa previsión de manter a actividade ata xuño.
A iniciativa pretende ofrecer alternativas de ocio para as familias ao mesmo tempo que favorece que os máis pequenos coñezan este equipamento municipal. Deste xeito, a programación busca combinar as actividades infantís coa dinamización do propio mercado, xerando maior movemento e converténdoo nun punto de encontro para a cidadanía.
A concelleira de Mercados e Industria, Silvia Colmenero, destacou que a proposta responde á intención do Goberno municipal de manter actividades destinadas aos máis pequenos durante todo o curso e facilitar ás familias novas opcións de ocio.