O MIHL acolle a nova exposición de Inazio Abrao baixo o título de 'Soportes'

LugoXa
A mostra reúne mesas e pezas elaboradas en madeira procedente do propio territorio e poderá visitarse ata o 15 de marzo
exposición-Soportes-de-Inazio-Abrao
19 Dec 2025

O Museo Interactivo da Historia de Lugo inaugurou unha nova exposición dentro da programación da Tenencia de Alcaldía coa apertura de Soportes, unha proposta do artista Inazio Abrao que foi presentada pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro. A mostra reúne unha serie de mesas realizadas en madeira e construídas, segundo explica o propio autor, “co legado do chan do noso contorno”.

Durante a inauguración, Maite Ferreiro animou á veciñanza a achegarse ao MIHL para coñecer esta exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 15 de marzo, e destacou que “esta é unha nova oportunidade para coñecer a obra de Inazio Abrao, a segunda exposición que organiza nas instalacións da área de Cultura nos últimos anos”.

Pola súa banda, Inazio Abrao explicou que o proxecto nace dun proceso creativo cunha clara intención artística, que xorde “como unha necesidade de expresión e comunicación”. O artista sinalou que nas pezas expostas “están as árbores do propio territorio que volven á casa transformadas, primeiro en madeira e despois en pezas escultóricas ou mobiliario”.

Abrao tamén afondou no carácter das obras que compoñen 'Soportes', indicando que “as esculturas, ás veces, son unha forma de dar visibilidade ao traballo construtivo do moble, outras son volumes compactos, estruturas e formas racionais, que quizais conecten máis co intelecto e co urbano”.

⚙ Configurar cookies
0.078536033630371