O MIHL acolle a presentación do número 26 da revista poética 'Xistral'

LugoXa
A publicación editada polo Concello de Lugo retoma un proxecto histórico creado por Manuel María en 1949
revista-Xistral
23 Dec 2025

A sala de grupos do MIHL acollerá este martes, 23 de decembro, ás 18.30 horas a presentación do número 26 de 'Xistral', Revista Lucense de Creación Poética, unha publicación editada pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

O acto supón unha nova cita para as persoas interesadas na creación literaria e na poesía galega contemporánea, arredor dunha revista con fondas raíces históricas na cultura do país.

Xistral foi creada no ano 1949 por Manuel María, cando contaba con 21 anos e aínda non publicara Muiñeiro de Brétemas, que vería a luz en 1950. Trátase dun proxecto de xuventude que o autor chairego impulsou xunto ao seu amigo Manuel Antonio Sopena e no que publicou algúns dos seus primeiros versos. A revista apenas chegou a editar dous números, ambos en edición bilingüe, mais neles participaron tamén autores de gran relevancia como Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel ou Aquilino Iglesia Alvariño.

Tras máis de medio século de silencio, no ano 2000 o Concello de Lugo decidiu recuperar a cabeceira e relanzar a Revista Xistral baixo o subtítulo de Revista Lucense de Creación Poética. Esta segunda etapa contou coa autorización expresa do propio Manuel María, que mesmo asinou o texto de presentación do número 3, co que se iniciou esta nova fase da publicación.

A presentación do número 26 consolida a continuidade deste proxecto cultural, convertido xa nun referente da creación poética en Lugo, e abre de novo as súas páxinas á literatura contemporánea.

⚙ Configurar cookies
0.078431129455566