O MIHL acolle mañá a presentación da revista Xistral

LugoXa
O MIHL acolle mañá a presentación do número 24 da revista Xistral editada pola Área de Cultura do Concello de Lugo
XISTRAL portada
XISTRAL portada
13 dic 2022

O número 24 da revista Xistral presentarase mañá mércores, 14 de decembro ás 19:30 horas, no salón de grupos do MIHL. Este número inclúe achegas de 72 poetas e consta de 142 páxinas ademais, inclúe tamén 10 fotografías de Xosé Manuel Otero e de Xosé Reigosa.

Xistral é unha revista de poesía cun denominador común: a diversidade. Poetas, homes e mulleres, de todas as idades e con moi diferentes traxectorias poéticas e vitais; dende poetas consagrados ata outros que comezan a dar os seus primeiros pasos na creación poética. Diversidade, igualmente, na temática, no estilo, na forma.

A revistra Xistral foi creada por Manuel María no ano 1949. Un proxecto de xuventude que fundou en compañía do seu amigo Manuel Antonio Sopena no que o autor chairego publicou os seus primeiros versos. Tan só deron sacado dous números en edición bilingüe; aínda así, neses dous números chegaron a publicar, ademais de Manuel María, autores da talla de Cunqueiro, Pimentel e Aquilino Iglesia Alvariño.

Despois de medio século de silencio, no ano 2000, o Concello de Lugo recuperou a idea e puxo a andar de novo a Revista Xistral co subtítulo de Revista Lucense de Creación Poética. O propio Manuel María autorizou esta renacenza e, mesmo, chegou a escribir un texto de presentación para o número 3, número co que se iniciaba a segunda etapa desta revista. Será Camilo Gómez Torres quen se faga cargo da coordinación desta e das sucesivas edicións, dende a número 3 ata a número 20, converténdose no verdadeiro mantedor e dinamizador desta publicación.

Camilo Gómez Torres, exprofesor do IES Lucus Augusti de Lugo (antigo Instituto Masculino), realizou un traballo ímprobo con absoluta discreción, dándolle á revista unha personalidade singular. Pero, no ano 2017, Gómez Torres pediu o relevo e o número 21 sae baixo a coordinación de Toño Núñez, quen non tivo máis ca darlle continuidade a un proxecto totalmente consolidado.

O Consello de Redacción desta publicación está integrado por Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a Concelleira de Cultura, Turismio e Promoción da Lingua Maite Ferreiro. Cabe salientar que os distintos grupos políticos que pasaron polo Concello de Lugo dende ese ano 2000, creron no proxecto e mantivérono vivo.

XISTRAL DE
foto portada II