O milagre do viño volverá á Praza do Campo coa fonte de San Vicente como protagonista

A Praza do Campo de Lugo acollerá este 29 de xullo, ás 20.00 horas, unha nova edición do tradicional "Milagre do Viño", unha das citas máis singulares das festas de Santa Marta, patroa da hostalaría. A Asociación Lugo Monumental volverá converter por uns minutos a auga da fonte barroca de San Vicente, do século XVIII, en viño, nun evento que cada ano reúne a centos de persoas no centro histórico da cidade.
A iniciativa será posible grazas ao patrocinio de Viliga (Vinos y Licores de Galicia), que fornecerá o viño que se repartirá gratuitamente entre o público. Miles de vasos serán distribuídos durante o acto, mentres a animación correrá a cargo do grupo Os Xílgaros, que ofrecerá música na Praza do Campo e continuará posteriormente cun pasarrúas polas rúas do casco histórico, coa colaboración do Concello de Lugo.
Para facer posible este "milagre", a organización emprega un sistema composto por tres grandes depósitos conectados mediante tubos alimentarios aos tres canos da fonte. Deste xeito, o viño non entra en contacto en ningún momento co monumento, garantindo tanto a súa conservación como as máximas condicións de hixiene durante a celebración.
Como cada ano, o acto servirá tamén para entregar os premios anuais de Lugo Monumental. Nesta edición distinguirase ao Hotel Méndez Núñez en recoñecemento a toda unha traxectoria no sector da hostalaría, mentres que o premio ao comercio histórico recaerá en María e Carlos, de Mercarabastos, pola súa longa dedicación ao comercio lucense.
Ademais, a asociación lembra que o pasado venres xa foi entregado o título de socio de honra ao músico Abraham Cupeiro, aínda que por motivos de axenda non poderá asistir ao acto deste martes.
Os organizadores tamén confirmaron a asistencia da alcaldesa de Lugo, Elena Candia, así como do anterior alcalde Miguel Fernández e do tenente de alcalde Rubén Arroxo, que colaborarán no reparto do viño entre as persoas asistentes.