O modelo enerxético actual, a debate nas V Xornadas de Escoita á Ciencia e ao Territorio

Lugo será sede os días 6 e 7 de novembro das V Xornadas de Escoita á Ciencia e ao Territorio, un encontro que reunirá relatorios e debates arredor do actual modelo enerxético, os seus efectos sobre o medio natural e as alternativas para avanzar cara a unha transición ecolóxica xusta e sostible.
A iniciativa está organizada pola Alianza de Enerxía e Territorio (ALIENTE) e a asociación Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV), coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela a través do Campus de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Savia. As sesións desenvolveranse de xeito presencial no Museo Universitario da Domus do Mitreo e tamén se retransmitirán en liña. Ademais, quedarán gravadas para a súa posterior difusión.
Baixo o título "Escoita á Ciencia e ao Territorio: Transición ecolóxica ou especulación enerxética? Fagamos as cousas ben", as xornadas pretenden abrir un espazo de análise sobre o desenvolvemento das enerxías renovables e as consecuencias que ten nos territorios afectados.
A organización cuestiona o modelo de implantación eólica en Galicia, unha comunidade que exporta enerxía e onde, segundo sinala, os parques eólicos transformaron a paisaxe e provocaron impactos sobre a biodiversidade. Neste contexto, propón reflexionar sobre a necesidade de apostar por alternativas como o autoconsumo e por un despregamento das renovables máis democrático e equitativo.
O encontro tamén abordará os límites do actual sistema enerxético nun contexto marcado polo esgotamento dos recursos naturais e pola dependencia dos combustibles fósiles, os minerais críticos e as terras raras. A través das achegas científicas e das experiencias das comunidades afectadas, as sesións buscarán identificar ferramentas e vías para avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible e respectuoso co territorio.