O MotoXubileo regresa cunha terceira edición solidaria impulsada polo Lóstregos Lucus Motoclub

LugoXa
A marcha motera apoiará a loita contra o cancro infantil e reunirá aos participantes o 4 de xaneiro en Lugo antes de partir cara ao Cebreiro
MotoXubileo-MotoClub-Lostregos-Lucus
15 Nov 2025

O Lóstregos Lucus Motoclub xa ten en marcha a organización do III MotoXubileo, unha iniciativa moteira de carácter solidario que nesta edición volve poñer o foco na loita contra o cancro infantil en colaboración coa asociación Somos Unidos por el Cáncer. A cita celebrarase o domingo 4 de xaneiro de 2026 e reunirá a motoristas que partirán de Lugo cara á aldea do Cebreiro.

A concentración comezará a partir das 10.00 horas baixo a carpa instalada xunto ao auditorio Gustavo Freire, onde os participantes serán recibidos polos membros da asociación colaboradora. Alí habilitarase un photocall baixo o arco de Somos e serviranse chocolate con churros dentro dun esmorzar solidario que dará paso a unha rifa con artigos doados por empresas e particulares da cidade. A organización adianta que haberá tamén outras sorpresas que se irán anunciando nos vindeiros días.

Ás 11.30 horas iniciarase a ruta pola antiga N-6, un traxecto pensado “para os máis atrevidos”, segundo avanza o propio motoclub. A metade do camiño farase unha parada no miradoiro da torre de Doncos, antes de continuar ata o Cebreiro, onde a chegada está prevista para as 12.45 horas, aproximadamente. Os participantes poderán percorrer a aldea da montaña lucense e aproveitar para entrar en calor cun café antes de retomar a marcha.

A ruta continuará pola montaña ata Sarria, punto no que rematará o percorrido arredor das 14.30 horas. Os motoristas que así o desexen poderán quedar a xantar nun restaurante da vila para poñer o broche á xornada.

O MotoXubileo converteuse desde 2024 nun encontro anual do primeiro domingo de ano —agás cando coincide co Día de Reis, caso no que pasa ao sábado anterior— cun espírito que combina o arranque da tempada motera co simbolismo de deixar atrás as noites máis longas do inverno.

Na segunda edición, o padriño foi o campión do mundo de MXGP, Jorge Prado, e a organización adianta que nesta ocasión haberá novos padriños, cuxos nomes se desvelarán proximamente, ademais doutras novidades preparadas para os asistentes.

⚙ Configurar cookies
0.072938203811646