O Muralla busca en Ferrol a primeira vitoria da tempada na estrea da Copa do Norte

LugoXa
O equipo sénior masculino visita este sábado ao CR Ferrol, segundo clasificado, nun encontro que se disputará ás 15:30 horas en A Malata
sub-14-do-Muralla-Rugby-Club-Lugo
7 Nov 2026

O equipo sénior masculino do Muralla Rugby Club buscará este sábado 7 de novembro a súa primeira vitoria da tempada na Liga Galega de Rugby Primeira División. O conxunto lucense desprazarase a Ferrol para medirse ao CR Ferrol, nun encontro que comezará ás 15:30 horas no Estadio de A Malata e que servirá para disputar a primeira edición da Copa do Norte entre ambos os clubs.

O Muralla chega á terceira xornada despois de perder ante o Campus Universitario Ourense RC (47-5) e o CRAT Coruña B (24-17). Neste segundo partido, os lucenses amosaron unha melloría competitiva que buscarán manter ante un rival que ocupa a segunda posición da clasificación, con 11 puntos en tres encontros. O equipo de Lugo é sétimo, con un punto.

O plantel está moi renovado esta campaña, cunha aposta pola formación e a canteira. Incorporáronse sete xogadores procedentes do equipo M18 da Academia e o grupo conta con dez xogadores M20 e un M23. Deste xeito, o 80 % do equipo está formado por xogadores da casa. Artai González continúa á fronte do proxecto deportivo.

O traballo da Academia tamén se reflicte nas convocatorias das seleccións galegas. Mateo Muñoz, Beltrán Borrego e Mateo Soto foron chamados para a selección M18, mentres que Roi Carballés, Marcos Fernández, Nicolás Rodríguez, Avel Casal, Bruno Escamilla, Roque Patiño e Hugo Pereira recibiron a convocatoria da M16.

Ademais, Ena Casal e Mencía Alonso formarán parte da selección galega M17 feminina. Estas chamadas recoñecen o traballo dos xogadores e xogadoras e o labor formativo que desenvolve o club.

0.16156411170959