O Muralla sénior busca en As Pontes a súa segunda vitoria consecutiva

O equipo sénior masculino do Muralla Rugby Club desprazarase este sábado, 28 de novembro, a As Pontes para enfrontarse ao C.R. Fendetestas na sexta xornada da Liga Galega de Rugby de Primeira División. O encontro comezará ás 14:45 horas e chega nun momento especialmente positivo para os lucenses, que na pasada xornada conseguiron a súa primeira vitoria da tempada ao impoñerse por 12-15 ao Santiago R.C. – C.D. Zalaeta Arteixo.
O triunfo permitiu aos de Artai González abandonar a última posición e situarse sextos na clasificación, con cinco puntos e un partido menos que a maioría dos seus rivais. A igualdade na zona baixa é máxima, xa que Muralla, Santiago R.C. – C.D. Zalaeta Arteixo e C.R. Fendetestas están empatados a puntos. Por iso, o encontro das Pontes preséntase como unha oportunidade para que o conxunto lucense encadee dous triunfos consecutivos e continúe avanzando na táboa.
A vitoria en Santiago tamén supuxo un recoñecemento á evolución dun equipo moi novo e renovado, integrado nun 80 % por xogadores formados no propio club. O Muralla xa deixara boas sensacións na súa visita a Ferrol, onde chegou ao descanso con só tres puntos de desvantaxe fronte ao segundo clasificado.
Unión do Norte visita o CRAT Coruña
Na categoría de base, os equipos de Unión do Norte, o proxecto que reúne as academias do Muralla RC, CR Ferrol, CR Fendetestas As Pontes, Asterix Viveiro e Capóns Vilalba RC, completaron a pasada xornada con bos resultados.
O M16 venceu con contundencia ao CR Lalín por 48-7, mentres que o M18 tomou a revancha ante o Mareantes Pontevedra R.C. cun 15-10, despois de perder por un punto no encontro da primeira volta. Pola súa banda, o M14 asinou un empate a 63 puntos fronte ao Santiago Rugby Club.
Esta fin de semana será a quenda do M14, que visitará o CRAT Coruña o sábado ás 13:00 horas. Unión do Norte ocupa a sexta posición con sete puntos, os mesmos que o Santiago Rugby Club, mentres que o seu próximo rival é cuarto con dez. Unha vitoria permitiría ao equipo do norte superar os coruñeses na clasificación. O M16 e o M18 non teñen competición esta xornada e regresarán en decembro. O M18 farao o día 6 ante Os Ingleses R.C.
Máis de 300 días sen competir en Lugo
Á marxe da actividade deportiva, o Muralla Rugby Club continúa denunciando a situación que atravesa pola imposibilidade de utilizar instalacións na cidade. O club acumula máis de 300 días sen poder xogar nin adestrar en Lugo debido ás obras e ao mal estado do terreo de xogo do estadio Gregorio Pérez Rivera.
A entidade tampouco pode utilizar o campo da Cidade Cultural pola negativa do IES Lucus Augusti, polo que os seus equipos se ven obrigados a adestrar en Rábade, Nadela e outros lugares nos que atopan dispoñibilidade, ademais de disputar os encontros como locais fóra da cidade.
O Muralla, que conta con 40 anos de historia en Lugo, continúa reclamando ao Concello unha solución que permita aos seus equipos recuperar a posibilidade de adestrar e competir na casa.