O Muralla Sénior buscará en Santiago a súa primeira vitoria nunha xornada esixente para Unión do Norte

O equipo sénior masculino do Muralla Rugby Club afrontará este sábado 14 de novembro a quinta xornada da Liga Galega de Rugby Primeira División cun desprazamento a Santiago para medirse ao Santiago R.C. – C.D. Zalaeta Arteixo. O encontro disputarase ás 16:30 horas no Campo da USC e será clave para as aspiracións dos lucenses, que ocupan a oitava posición con 1 punto e un partido menos, tras o adiamento do choque ante o Pontevedra R.C. O seu rival é sétimo, con 4 puntos, polo que unha vitoria permitiría ao Muralla superalo na clasificación.
O conxunto dirixido por Artai González chega á cita con boas sensacións, malia caer o pasado sábado na Malata ante o C.R. Ferrol por 30-21. Fronte ao segundo clasificado, o Muralla asinou a súa mellor primeira parte da tempada, na que chegou a poñerse por diante no marcador e alcanzou o descanso cunha desvantaxe de só tres puntos (24-21). O equipo continúa así avanzando na súa evolución, cun plantel moi novo e renovado no que o 80 % dos xogadores son da casa, e buscará en Santiago a primeira vitoria do curso.
A fin de semana tamén estará marcada pola actividade de Unión do Norte, o proxecto que reúne as academias do Muralla RC, CR Ferrol, CR Fendetestas As Pontes, Asterix Viveiro e Capóns Vilalba RC, con compromisos nas categorías M18, M16 e M14.
O partido máis destacado será o do M16, que defenderá o liderado invicto este sábado ás 11:00 horas na Cidade Deportiva da Torre ante o CRAT Coruña. Unión do Norte suma 20 puntos tras gañar os seus catro encontros, mentres que o equipo coruñés é segundo, tamén invicto, con 18 puntos.
Pola súa banda, o M18, terceiro con 12 puntos, visitará o sábado ás 11:30 horas o Estadio CUVI para enfrontarse ao Kaleido Universidade de Vigo, líder invicto con 21 puntos. Os vigueses xa venceran en Lugo na primeira xornada por un axustado 19-22, polo que Unión do Norte buscará resarcirse tamén da derrota sufrida na pasada xornada ante o CRAT Coruña.
A xornada pecharase o domingo ás 13:20 horas co partido do M14 ante o Santiago Rugby Club, nas Pontes. Os dous equipos están empatados a 5 puntos, cuarto e quinto na clasificación, polo que se espera un encontro igualado. Unión do Norte afrontará a cita coa moral alta tras vencer na última xornada ao Campus Univ. Ourense – Clube Rugby Lalín por 61-29.