O Museo Comarcal da Fonsagrada prepara dúas mostras para a súa reapertura
O Museo Comarcal da Fonsagrada prepárase para reabrir, despois de varios meses pechado por obras e polas restricións adoptadas fronte á covid.
O director do centro, Juanjo Molina, adiantou que están a traballar "en dous novos proxectos para a reapertura, unha exposición sobre o Camiño de Santiago e outra coa obra do pintor e actor Amador Arias", que agardan poder amosar "no verán".
Os traballos que se veñen de rematar centráronse na renovación das contras e na apertura da caixa de ascensor do edificio, situado na Praza do Concello. As antigas contras de madeira substituíronse por outras de aceiro corten, un material que, no seu aspecto, evoca o mundo e os oficios do ferro, moi ligados á comarca.
A reforma, que supuxo un investimento de 20.000 euros a cargo da área de Cultura da Deputación, supuxo mellorar a estética do inmoble e tamén a súa seguridade xa que, de avanzar o deterioro da madeira, poderían supoñer un risco de desprendemento.
O Museo da Fonsagrada creouse no ano 1984 da man dun grupo de persoas da comarca con inquedanzas culturais. A súa primeira ubicación foi o antigo teleclub municipal, que deixaron no 1999 para trasladarse ao edificio actual, con máis espazo para albergar as pezas que ía cedendo a veciñanza para conservar a memoria das formas de vida e traballo tradicionais.
Así, a sala de exposición amosa apeiros de labranza, obxectos relacionados cos oficios tradicionais, con especial atención ao mundo do ferro ou da lousa, e mostras da arquitectura popular da zona. Ademais, conta cunha colección de arte contemporánea de inspiración no mundo, con obras de artistas como Manolo Paz ou Paco Pestana.