O Museo de Lugo acollerá unha mostra de pezas de barro relacionadas coa cultura do mel

LugoXa
O Museo Provincial de Lugo acollerá a exposición de olería Mel e barro, as máis belas tradicións de Galicia, promovida pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo e a concellería de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo.
museo de lugo mostra mel
28 sep 2023

O Museo Provincial de Lugo acollerá a exposición de olería Mel e barro, as máis belas tradicións de Galicia, promovida pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo e a concellería de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo.

A deputada de Cultura Iria Castro, o deputado de Medio Rural Daniel García e a concelleira Cristina López presentaron a mostra, que poderá verse no museo do 5 ao 29 de outubro e que inclúe unha coidada selección de pezas de barro procedentes de coleccións galegas e doutros puntos do Estado.

A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza destacou a exclusividade das pezas que se poderán ver na mostra” e convidou “a visitar a exposición, que se desenvolverá como actividade paralela a Feira do Mel , contribuíndo a súa dinamización e promoción”.

O deputado de Medio Rural Daniel García remarcou o interese “desta colaboración institucional para poñer en valor o mel e o traballo das produtoras e dos produtores, que teñen un papel fundamental no mantemento e no coidado do territorio, aproveitando unhas datas excepcionais para a cidade de Lugo como é o San Froilán”

Mel e barro, as máis belas tradicións de Galicia

A exposición reunirá preto de corenta pezas de olería relacionada coa recolleita e o consumo do mel. Destacan 20 pezas orixinais de olería antiga de Galicia -veleiros, meleiras, castraderas e pucheiras- feitas entre os séculos XVII e XX, e procedentes de dúas das máis prestixiosas coleccións galegas de barro como son a Colección Gerardo Caldas (Sarria) e a colección Rosa Carballés (Compostela), que atesouran a maior parte da alfarería fabricada en Galiza nos tres últimos séculos.

A mostra complétase con 14 pezas recuperadas, orixinais doutros puntos do Estado como-Cáceres, Castellón, Ciudad Real, Córdoba, Badajoz, Jaén, Zamora ou Toledo – que permiten comprobar as solucións diferentes que se daban as mesmas necesidades en cada lugar, en función da súa cultura e idiosincrasia.

As pezas acompañaranse de textos e imaxes que afondarán na cultura do mel, un alimento de grandes calidades nutritivas con usos enraizados nas costumes e tradicións.

0.10933113098145