O museo e centro de interpretación de Monterroso integrarase no Sistema Galego de Centros Museísticos

LugoXa
Monterroso inicia os trámites para para que o museo e centro de interpretación A Vila das Feiras pase a formar parte do Sistema Galego de Centros Museísticos.
museo_monterroso
2 May 2024

Monterroso inicia os trámites para para que o museo e centro de interpretación A Vila das Feiras pase a formar parte do Sistema Galego de Centros Museísticos. O alcalde mativo unha reunión en Santiago con varias das responsables do Servizo de Museos, acompañado pola directora do Centro de Interpretación, María José Alvite, tamén estiveron presentes María Carmen Calviño, subdirectora xeral da Consellería, Marta Bermúdez, xefa do Servizo de Museos e Marta Pérez, traballadora do Servizo de Museos.

Desde o Goberno galego indicáronlles aos responsables municipais os pasos a seguir para que ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ poida entrar na rede galega de entidades musealizables. Esta incorporación traería consigo unha maior promoción deste espazo no que se recolle a evolución da feira máis importante do municipio, con máis de oito séculos de vida, ao tempo que se pode facer un percorrido pola historia de Galicia desde o neolítico ata o século XX.

O Goberno local traballa xa para remitir a documentación precisa, entre a que se atopa un plan museolóxico, un inventario ou o orzamentos anual de gastos, entre outros requisitos. Agardan poder tramitar a petición antes do verán. Formar parte desta rede de museos suporá participar nas liñas específicas de axudas que poida establecer a consellaría competente en materia de centros museísticos, de acordo cos principios de publicidade e concorrencia, dirixidas á creación e ao desenvolvemento de actuacións que tendan a facilitar a conservación, a seguranza, a documentación ou a difusión dos centros.

Asesoramento e accións formativas

Tamén se poderá obter asesoramento dos servizos administrativos e técnicos da consellaría con competencias en materia de centros museísticos. Terase prioridade en todas as accións de colaboración que poida establecer a comunidade autónoma, de acordo cos principios de publicidade e concorrencia, en materias tales como documentación, conservación e restauración de fondos museísticos, investigación, estudos ou difusión.

Poderase participar en accións formativas de todo tipo relacionadas cos centros museísticos. Tamén se vai ter prioridade na recepción de depósitos dos fondos que sexan titularidade da comunidade, así como na participación en accións de carácter itinerante. Poderase participar en todas as accións de promoción cultural e turística e empregar os distintivos de identificación que, de ser o caso, poida adoptar o Sistema galego de centros museísticos.

0.17716693878174