O Museo Provincial de Lugo acolle unha mostra en homenaxe ao poeta Eduardo González Ananín

LugoXa
A exposición, impulsada pola Fundación Artiaga e comisariada por Saudade Artiaga, revisa a traxectoria e o legado dun autor clave da lírica galega do século XX
Ananín-mostra-Museo-Lugo
11 Mar 2026

O Museo Provincial de Lugo acollerá a mostra Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín a partir do xoves, 12 de marzo, cando ás 19:00 horas se inaugurará esta exposición promovida pola Fundación Artiaga e comisariada por Saudade Artiaga, que constitúe unha viaxe pola memoria e pola identidade galega e un recoñecemento institucional á figura dun autor fundamental para comprender a lírica galega da última centuria e a súa relación coas redes culturais do exilio.

A exposición poderá visitarse nas instalacións do Museo ata o 30 de abril e ofrece un percorrido pola vida e obra dun poeta que fixo da palabra unha ferramenta de resistencia cultural e de afirmación identitaria.

A traxectoria de Eduardo González Ananín (1926–2023) estivo marcada pola súa marcha a Bos Aires en 1951, un traslado que o propio autor vinculou a unha profunda “asfixia moral”. Durante os dezaseis anos que residiu en Arxentina, o escritor mantivo unha intensa relación coa cultura galega desde a distancia, participando en faladoiros e encontros con destacados intelectuais da época. O seu regreso a Galicia en 1967 supuxo o retorno definitivo a unha terra que sempre estivo presente na súa obra poética, profundamente vinculada ás raíces e á identidade galega.

A mostra recupera esa esencia a través dun proxecto que establece pontes entre a palabra escrita e a linguaxe visual, grazas á participación de distintos artistas que reinterpretaron os versos de Ananín baixo a dirección curatorial de Saudade Artiaga.

Este proxecto expositivo iniciou o seu percorrido itinerante en Vilagarcía de Arousa en 2024 e continuará en Lugo cunha segunda fase que se desenvolverá entre o 5 de maio e o 20 de xuño. Trátase da proposta paralela titulada Padre Roble, centrada no poema homónimo que o autor escribiu en castelán.

Esta segunda parte da iniciativa preséntase como un símbolo de fraternidade entre linguas e comunidades culturais, reforzando o carácter universal da obra de Ananín e a vixencia dun legado literario que continúa medrando co paso do tempo.

0.12995791435242