O Museo Provincial de Lugo acollerá a presentación de 'Memoria Audiovisual: 13 Anos de Fotografía a Cegas'

LugoXa
O evento terá lugar ás 11.30 horas e contará coa presenza de representantes da Rede Museística e con artistas que teñen contribuído a este proxecto ao longo dos anos
museo-provincial-lugo
15 Nov 2024

O Museo Provincial de Lugo será o escenario da presentación de Memoria Audiovisual: 13 Anos de Fotografía a Cegas, unha obra que explora o legado de trece anos de obradoiros a través dun ensaio fílmico profundo e evocador.

O evento terá lugar ás 11.30 horas e contará coa presenza de representantes da Rede Museística e con artistas que teñen contribuído a este proxecto ao longo dos anos. "Unha cita ineludible para quen desexe coñecer máis sobre esta singular iniciativa e o seu impacto cultural e social", sosteñen.

Esta peza constrúese a partir dun arquivo único, un diario fílmico que reinterpreta as experiencias vividas no marco do proxecto Fotografía a Cegas, unha iniciativa impulsada pola Rede Museística Provincial que busca facer accesible a arte fotográfica a persoas con discapacidade visual ou visión reducida.

Ao longo de 13 anos, o proxecto contou coa participación de numerosos artistas e persoas de diversas procedencias, explorando o mundo audiovisual a través de obradoiros inclusivos e creativos.

A documental non segue unha orde cronolóxica tradicional. En lugar diso, propón un discurso visual íntimo e reflexivo, onde as imaxes transcenden a simple representación para abrir un diálogo co espectador. Este cine-ensaio ofrece unha exploración sobre a linguaxe audiovisual e as súas posibilidades, mantendo a esencia do ensaio como forma literaria e artística.

A obra rexistra con sensibilidade o paso do tempo e as vivencias cotiás dos participantes, destacando a importancia do contexto íntimo e persoal. Máis que narrar unha historia lineal, convida a quen a vexa a formar parte dunha experiencia profunda e participativa, onde a memoria se converte en testemuña e reflexo de anos de creación e colaboración comunitaria.

0.22719216346741