O Museo Provincial de Lugo celebra unhas xornadas polo 25 aniversario da Muralla como Patrimonio

O Museo Provincial de Lugo conmemorará o 25 aniversario da inscrición da Muralla Romana na listaxe de Patrimonio da Humanidade coa celebración das VIII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, os días 4 e 5 de abril no Pazo de Marcos.
Baixo o título 'Muralla Romana de Lugo. Ann XXV in Tabula Mirabilium', o encontro converterase nun espazo de reflexión, debate e intercambio de coñecementos para analizar a transcendencia desta emblemática construción romana dende distintas perspectivas: histórica, arqueolóxica, restauradora e tamén comunicativa e divulgativa.
O programa inclúe conferencias, mesas redondas, visitas técnicas e encontros con especialistas de referencia. Entre eles estará o equipo redactor da proposta que fixo posible a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, composto por Bieito Pérez Outeiriño, Enrique Alcorta Irastorza, Felipe Arias Vilas, Covadonga Carreño Gascón e Ignacio López de Rego Uriarte.
As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do formulario dispoñible na páxina web da Rede Museística Provincial ou escaneando o código QR incluído no cartaz das xornadas. A participación é totalmente gratuíta, e poderá facerse de forma presencial, cun aforo limitado a 130 prazas, ou en liña.
Programa destacado das xornadas
O venres 4 de abril a xornada abrirase coa conferencia inaugural de Adolfo de Abel Vilela, seguida por relatorios sobre as murallas tardorromanas do noroeste peninsular, a arqueoloxía da Muralla de Lugo, restauración sostible ou as novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio.
A tarde estará centrada na divulgación e socialización do patrimonio, con intervencións como a de Néstor F. Marqués sobre documentación 3D e redes sociais, ou a mesa redonda sobre estratexias de comunicación do patrimonio arqueolóxico, moderada por Aurelia Balseiro.
O sábado 5 de abril abrirase cunha mesa redonda clave: 'Como pasou? A muralla de Lugo, patrimonio da humanidade', que reunirá ao equipo que impulsou a súa candidatura. Tamén intervirá o presidente de ICOMOS España, Juan Carlos Molina, e realizaranse visitas técnicas á Muralla e aos centros museísticos romanos da cidade.
Estas xornadas supoñen unha oportunidade única para afondar no valor da Muralla de Lugo como símbolo histórico e patrimonial, ao tempo que se exploran novos retos e ferramentas para a súa conservación e difusión no século XXI.