O Museo Provincial de Lugo convértese en espazo de encontro e celebración da diversidade migrante

LugoXa
Unha programación centrada na interculturalidade e na memoria da migración reuniu percorridos pola cidade e a inauguración da exposición “Memoria Migrantes”
ruta-Cartografía-da-Acollida-Museo-Lugo
19 Dec 2025

O Museo Provincial de Lugo transformouse nun punto de encontro e celebración para a comunidade migrante da cidade grazas a unha axenda de actividades orientada á interculturalidade e á reflexión colectiva arredor da experiencia migratoria. A xornada puxo o foco nas persoas, nos espazos e nas historias que contribúen a construír unha cidade máis aberta, empática e humana.

A tarde deu comezo co roteiro Cartografía da Acollida, un percorrido urbano que atravesou diferentes puntos de Lugo cun marcado simbolismo social e comunitario. A ruta incluíu paradas na Casa das Asociacións María Mariño, sede da Asociación Rioplatenses de Lugo, así como en negocios e espazos como a carnicería Salah y Ahmed, a mercería Un amor de botón, a Churrería Los Pepes e o propio Museo Provincial de Lugo. Todos eles foron sinalados como referentes por contribuír a facer de Lugo unha cidade máis acolledora e sensible á diversidade.

O Museo foi tamén o escenario da inauguración da exposición “Memoria Migrantes”, unha crónica visual e narrativa que afonda na experiencia da migración a través da mirada da súa autora, Adela Vázquez Veiga, galega que residiu en México desde 2004 e que regresou a Galiza en 2022. A mostra preséntase baixo o subtítulo “Arquivo gráfico en construción” e reúne relatos tanto individuais como colectivos, filtrados pola ollada persoal da autora, co propósito de crear un espazo de escoita, diálogo e reflexión.

A obra aborda cuestións como a memoria e a contramemoria, as memorias disidentes, a diáspora, o exilio, o éxodo, a mobilidade e a inmobilidade, así como a diversidade, o traballo, a equidade ou os dereitos culturais. “Memoria Migrantes” foi recoñecida co Premio Ajerga, un certame convocado pola Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia, que destaca propostas culturais centradas na experiencia migratoria e no retorno.

⚙ Configurar cookies
0.078465938568115