O Museo Provincial de Lugo inaugura a exposición ‘As cidades de Colmeiro’

LugoXa
A mostra reúne 37 obras que amosan a influencia das cidades na creación artística do pintor galego
exposición As cidades de Colmeiro Museo Lugo
27 Mar 2026

O Museo Provincial de Lugo acolle desde esta tarde a exposición ‘As cidades de Colmeiro’, que reúne 37 obras centradas na relación do artista coas cidades nas que viviu e traballou, ofrecendo unha perspectiva única sobre a súa produción artística.

A mostra céntrase en obras sobre papel que abarcan un amplo período, desde 1919 ata os anos sesenta, e sitúan Colmeiro, figura clave na renovación plástica galega do século XX, en lugares como Buenos Aires, Vigo, París, Lugo, Ourense, Bilbao ou Ámsterdam, amosando como a interacción co medio urbano condicionou a súa obra.

Na inauguración participaron a deputada de Cultura, Iria Castro, o comisario da mostra Carlos Bernárdez, Elena Valverde Colmeiro, neta do artista, Vítor Montenegro, da Asociación de Amigos de Colmeiro, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, e Encarna Lago, xerente da Rede Museística.

Durante o acto destacáronse especialmente as obras sobre Lugo, realizadas cando Colmeiro estivo na cidade coincidindo coa exposición que realizou no Círculo das Artes en 1933. Estes debuxos, que amosan a impresión que a cidade deixou no pintor, pódense ver por primeira vez en Lugo coa chegada desta exposición procedente do Museo de Vigo.

A mostra poderá visitarse na Sala de Usos Múltiples do Museo Provincial de Lugo ata o 31 de maio, ofrecendo ao público a oportunidade de descubrir o vínculo entre a cidade e a obra dun dos artistas máis destacados do panorama galego do século XX.

0.12241101264954