O Museo Provincial de Lugo inaugura a exposición bibliográfica '75 anos da sinatura de As Cruces de pedra na Galiza'
O Museo Provincial de Lugo inaugurará esta tarde de venres, ás 19.00 horas, a exposición bibliográfica '75 anos da sinatura de As Cruces de pedra na Galiza' do Museo do Pobo Galego.
Esta mostra, que se enmarca na programación conmemorativa '75 cabodano de Castelao (1950-2025)', reúne unha escolma de obras sobre esta temática editadas nos países europeos do arco atlántico.
Así, poderase ver ata o vindeiro 30 de marzo co fin de difundir o legado artístico e pensamento político de Castelao, tal e como explicaron a deputada de Cultura, Iria Castro; a directora do Museo, Aurelia Balseiro, e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago.
OUTRAS EXPOSICIÓNS
O Museo tamén acollerá de xaneiro a marzo a exposición fotográfica 'Castelao: O retorno a Galicia, 1984', con medio cento de imaxes realizadas por Xan Carballa nos actos celebrados en Compostela con motivo da chegada a Galicia dos restos de Castelao, 24 anos depois da súa morte no exilio en Arxentina.
O outro proxecto expositivo que poderá verse no Museo é 'Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934 – 1944)', que afonda no pensamento político de Castelao a partir de de dous fitos: a publicación do libro 'Sempre en Galiza', un alegato a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galicia e do seu autogoberno, e da creación do Consello de Galicia, goberno galego no exilio que presidiu.
No capitulo de relatorios, o día 20 de febreiro, o Museo Provincial de Lugo acollerá o relatorio 'Castelao e as cruces de pedra, os comezos da investigación científica sobre os cruceiros', de Fernando Arribas.
O día 28 de febreiro, celebrarase a II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego, coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero, Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.