O Museo Provincial de Lugo inaugura a exposición 'Habitar o baleiro' de Brais Lorenzo

LugoXa
'Habitar o baleiro' documenta a vida e a desaparición de aldeas en Galicia, presentando unha narrativa enriquecida con audios, vídeos e textos que conforman unha experiencia inmersiva
Exposición-Brais-Lorenzo-Habitar-Baleiro
20 Feb 2025

O Museo Provincial de Lugo acollerá dende este venres, 21 de febreiro, a exposición 'Habitar o baleiro', unha mostra fotográfica e documental que explora a realidade do despoboamento no rural galego.

A inauguración terá lugar ás 18.30 horas e contará coa presenza do autor das imaxes, o fotógrafo Brais Lorenzo, a xestora cultural Sara García, a deputada delegada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, e a directora do museo, Aurelia Balseiro.

A exposición reúne unha década de traballo de Brais Lorenzo (Ourense, 1986), con fotografías e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Manolo Broa, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui.

'Habitar o baleiro' documenta a vida e a desaparición de aldeas en Galicia, presentando unha narrativa enriquecida con audios, vídeos e textos que conforman unha experiencia inmersiva para o visitante.

Organizada pola Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial, a mostra poderá visitarse ata o 20 de abril. Anteriormente, xa foi vista por máis de 7.000 persoas no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) e no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense).

Este proxecto forma parte dunha iniciativa periodística homónima creada por Brais Lorenzo, Cláudia Morán, Manolo Broa, Sergio Pascual, Lucía Abarrategui e Alba Moledo, co apoio dos profesionais audiovisuais Miguel Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García.

Unha mirada ao rural galego

"Este proxecto xurde do amor pola vida que latexa no rural como un exercicio de memoria e preservación. Queremos abrir un debate a través do xornalismo sobre unha temática que está a acontecer diante dos nosos ollos. Unha parte importante de 'Habitar o baleiro' radica na provincia de Lugo, nas historias vitais, persoais e ambientais das súas aldeas, que explican en gran parte quen somos", sinala Brais Lorenzo.

A mostra aborda temas como a soidade, o illamento e o abandono de zonas afectadas pola perda de poboación, pero tamén ofrece unha visión máis optimista, co crecemento do interese polo sector primario e o Entroido como símbolo de reivindicación e preservación cultural. Os escenarios das imaxes inclúen municipios como Folgoso do Courel, Cervantes, Chantada e A Fonsagrada.

"Habitar o baleiro" é unha exposición itinerante que busca percorrer diferentes cidades e vilas de Galicia. Ademais da Deputación de Lugo, conta co respaldo da Deputación de Ourense, o Museo do Pobo Galego, o Festival de Cine de Ourense (OUFF) e o Concello de San Xoán de Río.

0.14639902114868