O Museo Provincial de Lugo recupera cinco obras de Maruja Mallo

LugoXa
Os cadros regresan tras a súa cesión ao Reina Sofía e volven integrarse no discurso das vangardas históricas
Cadros-Maruja-Mallo-Museo-Lugo
27 Mar 2026

O Museo Provincial de Lugo volve exhibir cinco obras destacadas de Maruja Mallo tras a súa participación na exposición “Maruja Mallo. Máscara y compás”, organizada polo Museo Reina Sofía e aberta ao público durante os últimos meses. As pezas recuperan agora o seu lugar na mostra permanente da institución lucense, reforzando a presenza das vangardas históricas no seu percorrido expositivo.

As obras que regresan son “Guía Postal de Lugo” (1929), “Arquitectura Mineral” (1938), “Indígena” (1924-1925), “Retrato de señora con abanico” (1926-1929) e “Agol” (1968-1972), un conxunto que permite percorrer distintas etapas creativas da artista e que contribúe a contextualizar a súa evolución dentro da arte do século XX.

Coa reincorporación destes cadros, o museo restablece o discurso expositivo orixinal arredor das vangardas, situando a obra de Mallo en diálogo con outros referentes da creación galega como Carlos Maside Colmeiro ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta reorganización permite ofrecer unha visión máis completa e coherente do movemento artístico, devolvendo protagonismo a unha das figuras máis singulares da modernidade plástica galega.

0.12777495384216