O Museo Provincial inaugura a mostra ‘Historia postal de Lugo. S. XVIII-XX’ con máis de 370 pezas históricas

O Museo Provincial de Lugo abriu ao público a mostra 'Historia postal de Lugo. S. XVIII-XX', unha exposición que reúne cartas, marcas e selos do coleccionista Andrés García Pascual e que percorre máis de 150 anos de actividade postal na cidade e na súa contorna. A proposta inclúe máis de 370 pezas que permiten coñecer a evolución dos sistemas de franqueo, os itinerarios da correspondencia e a organización do servizo de correos ao longo do tempo.
No acto de inauguración participou a deputada de Cultura, Iria Castro, quen realizou unha visita guiada á exposición da man do propio coleccionista. Durante o percorrido, García Pascual puxo o foco en algúns documentos especialmente singulares, como a primeira marca filatélica que incorpora a inicial L, datada en 1970, así como a primeira na que figura o nome completo de Lugo, correspondente ao ano 1799.
A responsable provincial salientou o rigor investigador e o labor coleccionista de García Pascual como alicerce fundamental deste proxecto expositivo. Ademais, lembrou que a iniciativa comezou a xestarse en decembro do pasado ano, cando no mesmo Refectorio se presentaron un selo e unha tarxeta postal conmemorativas do Museo da Migración da Rede Museística Provincial.
A mostra estrutúrase en catro grandes bloques temáticos. O primeiro, dedicado á Historia postal da Administración Principal de Correos de Lugo nos séculos XVIII e XIX, reúne as marcas empregadas nas localidades que dependían daquela da principal lucense, incluídas as pertencentes ás antigas provincias de Lugo, Mondoñedo e Betanzos. O segundo apartado céntrase nas carterías da provincia de Lugo entre os séculos XIX e XX, cunha recompilación das marcas utilizadas polas distintas oficinas. O terceiro bloque aborda a historia postal da cidade de Lugo nos séculos XVIII e XIX, a través de cartas que incorporan as marcas da Administración Principal ao longo de arredor de século e medio. Finalmente, o cuarto espazo detense en Lugo durante a Guerra da Independencia e a intervención dos 100.000 Hijos de San Luis, con cartas, documentos e gravados que evidencian a relevancia estratéxica da cidade en ambos conflitos.
O percorrido complétase con tres vitrinas que albergan arredor de 130 caixas para selos dos séculos XIX e XX, así como cunha selección bibliográfica especializada procedente da colección persoal de Andrés García Pascual. A exposición pode visitarse no Refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o 22 de marzo.