O músico Pancho Álvarez actuará este venres na Capela de Santa María de Lugo

A Capela de Santa María de Lugo acolle este venres, 15 de novembro, as últimas actividades do 4º Encontro Celme de Zanfona, que este ano puxo o foco nos cegos cantores cun completo programa que comezou o pasado mes de setembro cun ciclo de conferencias e continuou durante o mes de outubro coa exposición Pregos de Cordel.
A xornada desenvólvese arredor do concerto do músico Pancho Álvarez ás 20.00 horas, un dos máis recoñecidos intérpretes de instrumentos de corda e precursores da recuperacións e dignificacion dos cantos de cegos coa publicación do disco 'Florencio, o cego dos Vilares' en 1998.
O músico do Porriño estará acompañado polas violinistas Begoña Riobó, María Jorge, Carlos Quintá e Antía Ameixeiras. O concerto, con entrada de balde, comezará coa proxección do documental 'Florencio, o cego dos Vilares' ás 19.00 horas, producido polo músico.
Coincidindo co concerto, inaugurarase no Centro de Artesanía e Deseño unha mostra con debuxos realizados polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Monterroso, gañador do certame convocado pola Área de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, coincidindo coa celebración do certame, co obxectivo de achegar este instrumento ás novas xeracións.
Os traballos permanecerán en exposición pública, a carón da Colección de Instrumentos Musicais do CENTRAD, ata o día 3 de decembro.