O novo delegado da Xunta visita Outeiro de Rei para coñecer as necesidades do concello

LugoXa | TerraChaXa
Entre as actuacións previstas figura a obra de reforzo do firme ao longo dos 11 quilómetros da estrada autonómica LU-115, de conexión con Castro de Rei, que xa foi adxudicada
visita-novo-delegado-villares-a-outeiro-de-rei
10 Jun 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, realizou a súa primeira visita institucional ao Concello de Outeiro de Rei, onde mantivo unha reunión de traballo co alcalde, José Pardo.

Esta visita enmárcase na rolda de contactos que Villares prevé manter cos alcaldes e alcaldesas da provincia co fin de reforzar a cooperación entre administracións e manter o contacto directo co territorio. Así, a xuntanza desta mañá serviu para avaliar as necesidades do municipio de Outeiro de Rei e para abordar diferentes proxectos enmarcados na colaboración entre Xunta e Concello.

Neste senso, entre as principais actuacións previstas destaca a rehabilitación estrutural do firme e a execución dunha nova capa de rodaxe de altas prestacións ao longo dos 11 quilómetros da vía autonómica LU-115, que conecta Outeiro de Rei e Castro de Rei. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas xa adxudicou as obras, dentro dun contrato para mellorar tres estradas da provincia dotado con 2,6 M€.

A Xunta tamén apoia este ano a mellora de infraestruturas de comunicación locais a través dun convenio entre o Concello e a Consellería do Medio Rural, que destina 48.400 euros ao acondicionamento dun camiño municipal nos lugares de Caboi e Astariz, na parroquia de Caboi.

Así mesmo, no ámbito da cooperación institucional, o Goberno galego mantén a súa colaboración para dotar ao concello de Outeiro de Rei dun Centro de Día, a través dun convenio que permitirá avanzar nun equipamento asistencial e social de referencia no municipio.

Por outra banda, froito dos programas de cooperación da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes cos concellos galegos, este departamento destinou 60.000 euros o ano pasado ao proxecto de mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Outeiro de Rei. Tamén concedeu 39.000 euros para levar a cabo actividades de sensibilización sobre boas prácticas ambientais, en asociación co municipio de Cospeito.

O delegado territorial salientou que a cooperación entre administracións é fundamental para mellorar servizos e garantir un desenvolvemento territorial equilibrado. Resaltou que este ano o departamento de Presidencia reforzou as liñas específicas de apoio aos concellos, que están dotadas cun orzamento de 26,5 millóns de euros, un 17% máis que en 2025.

0.13002800941467