O nutricionista Noel López Pinín: “As dietas non son pasar fame”
Como chegou ao mundo da nutrición?
Realicei o ciclo superior en Lugo, concretamente no Politécnico e acabei o curso obtendo a mellor nota académica. Eso permitiume poder buscar as prácticas por libre, así, púxenme en contacto co Hospital Clínico de Santiago, coa doutora Pilar Pavón, que naquel entonces era presidenta da Asociación de Celíacos de España e estiven con ela 3 meses na consulta de gastroenteroloxía pediátrica.
Cando dá o salto a consultar directamente?
Esta andaina ten xa 7 anos e comezei na propia Mariña, ao principio ía a farmacias, parafarmacias, consultas de terceiros e cando levaba 2 anos ou así decidín dar un paso máis e estendinme a Lugo e a Vilalba.
Na actualidade onde consulta?
Na Mariña, en Láncara, na Coruña, en Lugo e por suposto online, tanto de Galicia coma en España e incluso de xente que está no resto de Europa e Latinoamérica. En Ribadeo estou no Centro Estético Canelas, en Foz en Tu Look, en Xove na clínica de podoloxía Noemí Gheada e en Covas estou en Sala 5 Actividades Dirigidas.
Conta cun centro propio en Burela?
Pois foi en outubro de 2016 cando inauguro a miña clínica en Burela, denominado Noel López Pinín Centro de Bienestar, integrado por diferentes profesionais da saúde. Non e só unha clínica de nutrición senón temos tamén sicoloxía, terapia ocupacional, terapias alternativas, estética tanto facial coma corporal, venda de alimentación ecolóxica e fitoterapia e finalmente unha liña cosmética.
Nestes anos mudaron os hábitos alimenticios?
Durante estes 10 últimos anos cambiou todo moito, cada vez a nutrición é unha profesión máis valorada, e iso pasa porque cada vez a xente lle dá máis importancia á alimentación, que é a base de todo. Por exemplo, un tratamento farmacolóxico sen a nutrición da persoa non vai ser igual de efectivo. As persoas e tamén os médicos son máis conscientes de iso. Cada vez hai máis demanda de información, pero tamén é certo que cada vez hai máis oferta, pero as veces oferta oportunista, non profesional.
Recibe persoas de todas as idades e condicións?
Teño de todo tipo e sexo, pero por facerche unha valoración quizáis o público que máis asiste ás miñas consultas son mulleres entre os 30 e os 70 anos de idade. Tamén xente de calquera sexo con problemas de sobrepeso, persoas con alteracións de algún punto da analítica que queren mellorar por exemplo o ácido úrico ou fígado graso, persoas con patoloxías dixestivas para mellorar esa sintomatoloxía, etc.
Cre que os pais e nais deberan educar previamente en alimentación?
A alimentación é educable, somos conscientes de como nos alimentamos e como comemos, entón é importante educarnos en materia nutricional para que así saibamos que alimentos incluír na nosa dieta e o noso organismo mediante o mecanismo da nutrición poda obter os nutrintes necesarios para un correcto funcionamento. É fundamental que desde a base se eduquen os nenos, así como é tan importante dar. Os máis pequenos teñen que ver que os seus pais comen como están pretendendo que coman eles. Que mellor caso que o do azucre, ninguén nace con apetencia polo azucre, pero desde pequenos estamos embutidos con azucre, estamos moi condicionados polas industrias alimentarias, incluso con campañas de publicidade que asociaban o azucre ou certos alimentos con grasas hidroxenadas coma un alimento bo para o crecemento forte dos máis pequenos.
Asóciase ás veces vir ao nutricionista con dietas estritas?
As dietas non son pasar fame. A xente non cre que poda comer potaxes ou froitos secos nunha dieta, e sorpréndense porque a máis deben estar, na súa medida como o resto de alimentos.
Como afectan os hábitos de vida saudables na nutrición deportiva?
O exercicio físico é fundamental, é cardiosaudable, mantén unha boa masa muscular. Se se combinan dieta e exercicio imos ter mellores resultados. Para o tránsito intestinal, os tres piares son dieta con fibra, unha correcta hidratación e exercicio.
Que o diferencia dos demais?
As miñas dietas, baseadas na dieta mediterranea, sen restriccións de alimentos. Non utilizo ningún tipo de produto, só pauto alimentos. Ademais, a formación e a experiencia permitenme aprender continuamente.