O olfacto podería explicar os problemas reprodutivos do linguado senegalés criado en catividade

GaliciaXa | LugoXa
Un estudo desenvolvido na Facultade de Veterinaria de Lugo identifica alteracións en xenes relacionados coa percepción química, a tensión e a regulación hormonal dos machos nacidos en granxa
linguado
8 Aug 2026

Unha investigación desenvolvida na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela achega novas claves para comprender as dificultades reprodutivas do linguado senegalés criado en catividade, unha das principais limitacións para a expansión desta especie na acuicultura europea. O traballo apunta a que os problemas para completar o cortexo e lograr a fecundación natural poderían estar relacionados con alteracións no sistema olfactivo dos exemplares nacidos en granxa.

A investigación foi realizada por Dorinda Torres Sabino no marco da súa tese de doutoramento, presentada con mención internacional e cualificada con sobresaliente cum laude. O estudo analizou en profundidade o órgano olfactivo do linguado senegalés combinando técnicas de neuroanatomía, histoloxía, inmunohistoquímica, microscopía electrónica, xenómica comparada, transcriptómica e bioinformática.

Os resultados permitiron caracterizar a estrutura e desenvolvemento das rosetas olfactivas desde as primeiras fases larvarias ata a idade adulta. O traballo constatou que esta especie conta cun sistema olfactivo complexo desde etapas moi temperás, cunha organización especializada para a recepción de sinais químicos.

A investigación elaborou ademais un novo transcriptoma de referencia do órgano olfactivo, o que permitiu identificar novos xenes e mellorar a información xenómica dispoñible sobre esta especie. Entre os datos máis destacados figura a identificación de 455 xenes relacionados cos receptores olfativos, unha cifra superior á observada noutros peixes planos e que evidencia unha elevada especialización sensorial.

O estudo tamén comparou o funcionamento do sistema olfactivo entre machos e femias, así como entre exemplares salvaxes e animais criados en catividade. Nese proceso detectáronse alteracións nos machos de granxa en xenes vinculados á percepción química, á resposta á tensión e á regulación hormonal, factores que poderían influír nas dificultades observadas durante o comportamento de cortexo.

Segundo explican os investigadores, estes resultados abren novas vías para comprender os mecanismos de comunicación química que interveñen na reprodución dos peixes e poderán contribuír ao desenvolvemento de futuras estratexias de selección xenética destinadas a mellorar a sustentabilidade da acuicultura do linguado senegalés.

A tese foi dirixida polos profesores Paulino Martínez Portela e Pablo Sánchez Quinteiro e é froito da colaboración entre os grupos de investigación ACUIGEN e MORFAN, integrados no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (iTERRA) do Campus Terra. O traballo desenvolveuse ademais no marco dun Doutoramento Industrial financiado pola Xunta de Galicia coa participación da USC e da empresa Geneaqua.

0.1350519657135