O operativo contra incendios reforza a prevención no distrito forestal da Fonsagrada-Os Ancares

O distrito forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares reforza o seu dispositivo de prevención e defensa contra incendios cun operativo integrado por brigadas terrestres, medios mecanizados e unha unidade batracio pioneira en Galicia, ademais de manter actuacións preventivas ao longo de todo o ano para reducir o risco de lumes.
Este distrito abrangue arredor de 150.000 hectáreas de superficie forestal, das que unhas 96.000 están arboradas e aproximadamente 27.000 corresponden a montes de xestión pública. Entre os recursos incorporados nos últimos anos destacan os tractores destinados aos distritos forestais, que permiten realizar con maior eficacia e versatilidade os traballos preventivos no monte.
Ademais, no distrito de Becerreá está situada a única unidade batracio deste tipo existente en Galicia, equipada con tres tractores, unha cisterna, unha máquina hidrostática, un bulldozer, unha góndola, unha motobomba, un vehículo de emerxencias e unha balsa de auga, recursos que reforzan tanto as tarefas de prevención como as de extinción.
Durante a actual campaña de defensa contra incendios, o distrito VII dispón de 14 brigadas da Consellería do Medio Rural, ás que se suman outras tres da empresa pública SEAGA, cinco brigadas municipais e dúas brigadas helitransportadas. O operativo complétase con axentes forestais, técnicos, emisoristas, vixiantes, condutores e persoal encargado da codificación de datos.
Estas actuacións foron presentadas durante a visita realizada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, ao distrito forestal, onde puxo en valor o traballo que desenvolve o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF). O representante autonómico agradeceu a profesionalidade dos efectivos e incidiu na importancia de manter os labores preventivos durante todo o ano.
Así mesmo, apelou á colaboración cidadá para extremar as precaucións e denunciar posibles condutas incendiarias. Para iso, lembrou que a Xunta dispón da aplicación ALume para comunicar incendios forestais, ademais do teléfono gratuíto 085 para alertar da aparición de lumes e do número anónimo 900 815 085 para informar de actividades sospeitosas.