O Parlamento aproba impulsar a candidatura de Lugo para acoller a futura Axencia Estatal de Saúde Pública

GaliciaXa | LugoXa
A iniciativa, defendida polo PP e aprobada sen votos en contra, destaca as infraestruturas sanitarias e investigadoras da cidade como aval para optar á sede
Parlamento-de-Galicia-Lugo-Axencia-Estatal-de-Saúde-Pública
5 Jun 2026

O Parlamento de Galicia aprobou sen votos en contra unha iniciativa para impulsar a candidatura de Lugo como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública. A proposta foi defendida pola deputada do Grupo Popular, Encarna Amigo, quen asegurou que a cidade presenta unha candidatura “extraordinariamente sólida” para albergar este organismo estatal.

Durante a súa intervención, Amigo destacou que Lugo conta con “méritos máis que suficientes” para optar á sede da futura axencia, poñendo en valor o ecosistema sanitario e investigador da cidade. Entre os recursos citados mencionou o Hospital Universitario Lucus Augusti, o Centro Integral de Saúde e o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, ao que definiu como un recurso singular e de gran prestixio.

A deputada popular subliñou que a candidatura lucense se apoia en capacidades reais, infraestruturas xa operativas, profesionais altamente cualificados e unha traxectoria consolidada no ámbito da saúde pública. Ao seu xuízo, son fortalezas que poucas cidades poden acreditar nas mesmas condicións.

Amigo tamén incidiu no papel de Galicia como referente en programas de prevención e detección precoz, vacinación, cribados poboacionais e políticas de promoción da saúde. Segundo indicou, esta experiencia acumulada constitúe un importante aval para acoller unha institución destas características.

A parlamentaria sinalou ademais que a implantación da Axencia Estatal de Saúde Pública en Lugo suporía un importante impulso para a creación de emprego cualificado, a innovación e o desenvolvemento económico, ao tempo que permitiría reforzar o peso de Galicia no deseño e desenvolvemento das políticas públicas sanitarias.

Por outra banda, criticou o que cualificou como unha “falta absoluta de planificación” por parte do Goberno central e o procedemento que se está seguindo para a constitución deste organismo. Neste contexto, explicou que a iniciativa aprobada aposta pola colaboración entre as distintas administracións, tanto municipal como autonómica e estatal, co obxectivo de presentar unha proposta sólida que garanta a dispoñibilidade das instalacións necesarias, os compromisos económicos e técnicos e a dotación de infraestruturas, servizos e persoal.

0.12554097175598