O Parque Central de Galicia reunirá máis de corenta produtores no Mercado KM0 da Rede de Produtoras da Ulloa

GaliciaXa | LugoXa
A cita celebrarase o 18 de xullo en Antas de Ulla cun amplo programa de mercado, gastronomía, música, obradoiros e actividades para toda a familia
Inauguración-Parque-Central-de-Galicia-Antas-de-Ulla
9 Jul 2026

O Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, converterase o vindeiro 18 de xullo no epicentro da produción de proximidade coa celebración do Mercado KM0, unha iniciativa impulsada pola Rede de Produtoras da Ulloa que reunirá máis de corenta proxectos de toda Galicia para reivindicar un modelo alimentario sostible, vinculado ao territorio e baseado na economía local.

Entre as 11.00 e as 20.00 horas, o público poderá percorrer os diferentes postos de venda directa, nos que estarán representadas iniciativas de produción primaria, transformación agroalimentaria, cosmética natural e artesanía. O obxectivo é achegar ás persoas consumidoras produtos de proximidade e dar visibilidade ao traballo das pequenas produtoras e produtores que apostan pola calidade e o desenvolvemento do rural.

No mercado participarán, entre outros, Milhulloa, Muuhlloa, Arqueixal, Adegas Celme, Melífera, O Espírito da Colmea, Cachenas Cas Fidalgo, Tataraboas, Leira Sacra, Naturantas, Doces da Ulloa, Sofragal, Ribeiregas e Lola Tourón. Durante a xornada tamén haberá demostracións de cestería con láminas de madeira e de fiado tradicional de la, tanto manual como con tear primitivo.

A Rede de Produtoras da Ulloa promove esta iniciativa co propósito de fortalecer a cooperación entre proxectos rurais, impulsar alternativas económicas sostibles e poñer en valor actividades tradicionais adaptadas ás necesidades actuais, favorecendo a colaboración entre entidades públicas e privadas.

A programación incluirá tamén propostas culturais e divulgativas para todos os públicos. A inauguración oficial terá lugar ás 12.00 horas cun cantar de cego a cargo de Francisco do Romualdo. Ás 14.00 horas celebrarase a sesión vermú con Bico da Balouta, mentres que a música continuará ás 19.00 horas coa actuación da DJ Eva Chloé e concluirá ás 20.00 horas co concerto de Alberto Mvundi.

Ao longo da xornada desenvolveranse varios relatorios centrados na alimentación e no desenvolvemento rural. Entre eles figuran a presentación da estratexia participativa "EO Alimenta", unha charla sobre a influencia da alimentación na saúde e unha mesa dedicada ás iniciativas de distribución e consumo de proximidade, co obxectivo de reflexionar sobre os retos actuais dun sistema alimentario máis saudable e sostible.

Os obradoiros completarán a programación. Ás 13.00 horas, Milhulloa ofrecerá un taller de cosmética rural con herbas medicinais da Ulloa, mentres que ás 18.00 horas a artesá Lola Tourón impartirá un obradoiro de escultura en cestería. Ambas actividades requiren inscrición previa.

As familias tamén contarán cun espazo específico grazas ao obradoiro creativo "Fíos, follas e soños", dirixido a nenos e nenas a partir de tres anos e desenvolvido pola equipa Bosquea entre as 15.00 e as 17.00 horas.

A partir das 14.00 horas celebrarase un xantar de campo con diferentes propostas gastronómicas, desde polbo ata opcións vexetarianas. A carballeira do parque contará con mesas para que as persoas asistentes poidan comer no recinto, ben adquirindo comida nos postos ou levando a súa propia, fomentando un ambiente de convivencia arredor da alimentación de proximidade.

O Mercado KM0 conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Área Rural da Deputación de Lugo e do Concello de Antas de Ulla.

0.1377420425415