O Parque do Pazo de Feiras acolle este sábado a quinta proba do Circuíto Larsa Corre con Nós

LugoXa
A cita, que mestura deporte e natureza no corazón do contorno do Miño, trae consigo unha novidade destacada: unha pequena exhibición canina
Pazo-de-Feiras--Circuíto-Corre-con-Nós
7 May 2025

O Parque do Pazo de Feiras e Congresos será o escenario dunha nova xornada do Circuíto Larsa Corre con Nós, que celebrará a súa quinta proba este sábado, 10 de maio.

A cita, que mestura deporte e natureza no corazón do contorno do Miño, trae consigo unha novidade destacada: unha pequena exhibición canina na que un grupo de corredores participará acompañados dos seus cans. Esta iniciativa abre a porta a futuras propostas que integren tamén ás mascotas neste evento deportivo e familiar.

A exhibición canina terá lugar antes da proba MINI, que comezará ás 17:00 horas. Consistirá nun percorrido de 800 metros arredor da zona de saída e chegada, situada baixo a pasarela fluvial xunto á Fábrica da Luz. Os corredores, habituados a participar xunto aos seus cans, serán os protagonistas desta proposta piloto, que ten como obxectivo integrar esta modalidade no formato do circuíto. "Queremos seguir innovando, buscando fórmulas que fagan aínda máis atractiva cada cita", explicou o edil.

As probas oficiais comezarán ás 17:00 horas, cun percorrido para os máis pequenos que se desenvolverá dentro do recinto do parque e ao longo do paseo fluvial do Miño. Os tramos de asfalto e terra combinaranse para ofrecer aos participantes un reto adaptado ás súas idades e categorías. No caso da carreira de adultos, o percorrido será de 5.850 metros, estendéndose ata a ponte sobre o río Mera.

A xornada contará coas seguintes probas, adaptadas ás distintas idades:

  • 17:00 h: MINI (350 m)

  • 17:05 h: SUB10 e SUB12 (800 m)

  • 17:15 h: SUB14 e SUB16 (1.850 m)

  • 17:30 h: Adultos (5.850 m)

O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, resaltou a importancia de manter o modelo de circuíto que combina deporte, natureza e convivencia: “Seguimos apostando por un modelo de circuíto que mestura deporte, natureza e convivencia. Queremos facer do Corre con Nós algo máis ca unha carreira: unha experiencia para compartir, aberta a toda a cidadanía”.

A proba chega cun balance moi positivo nesta edición, superando as 2.271 persoas inscritas no circuíto, unha cifra que supera as 1.700 rexistradas a estas alturas da tempada pasada. "Estes datos falan por si sós", afirmou Bustos, destacando a consolidación do Corre con Nós como unha referencia do atletismo popular galego e un espazo no que a veciñanza se implica de forma activa, ano tras ano.

Bustos tamén aproveitou a ocasión para valorar “o compromiso da veciñanza coa práctica deportiva e coa vida activa”, subliñando o traballo da organización, que conta co apoio de voluntariado e entidades colaboradoras para garantir o éxito do evento.

⚙ Configurar cookies
0.18219184875488