O Parque Rosalía de Castro está sendo obxectos de melloras e labores de mantemento

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, continúa desenvolvendo actuacións de conservación e mellora no Parque Rosalía de Castro dentro da estratexia municipal dirixida á posta en valor deste enclave histórico e natural, considerado un dos espazos verdes máis representativos da cidade.
Nos últimos días executáronse novas tarefas de mantemento centradas na posta a punto do mobiliario urbano e na eliminación de pintadas, co obxectivo de mellorar a imaxe xeral do parque, reforzar o seu coidado e preservar as condicións de uso dun espazo de referencia ambiental, patrimonial e social para a veciñanza.
En concreto, realizouse a reparación e pintado das 108 papeleiras distribuídas polo recinto, ademais de traballos específicos de limpeza e retirada de grafismos en distintos elementos do parque, favorecendo unha contorna máis coidada e acorde co valor histórico e paisaxístico do lugar.
Estas intervencións dan continuidade ás actuacións desenvolvidas nos últimos meses, entre as que figuran a renovación do pavimento dos camiños interiores mediante a nivelación do terreo e a reposición do firme, a rehabilitación de elementos deteriorados e os labores continuados de conservación da flora e do arborado singular existente.
Todo este traballo acompaña a tramitación do expediente para a declaración do Parque Rosalía de Castro como Ben de Interese Cultural na categoría de Xardín Histórico, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, encargada da documentación técnica necesaria.
Segundo indicou o Goberno local, o expediente atópase xa na súa fase final e será presentado proximamente, culminando un proceso técnico destinado a acreditar os valores históricos, botánicos, paisaxísticos e culturais deste espazo singular no contexto urbano galego.
A futura catalogación permitirá reforzar a protección deste enclave emblemático e establecer directrices específicas para a súa conservación, garantindo a preservación do seu patrimonio natural, histórico e cultural para as vindeiras xeracións.