O Partido Popular de Lugo critica o "abandono de áreas como Xuventude" por parte do Goberno local
O Partido Popular de Lugo critica o "abandono de áreas como Xuventude" por parte do Goberno local. "Mentres PSOE e BNG pagan festas como a celebrada no CEI Nodus, gastando diñeiro en eventos para si mesmos, abandona outras áreas esenciais como Xuventude, que carece do persoal e dos medios necesarios para funcionar dignamente", sostén Javier Vázquez.
Un exemplo deste "abandono" é o estado no que se atopan as oficinas de Xuventude no edificio Uxío Novoneyra, onde se xestiona un evento tan importante como o Arde Lucus. Estas instalacións "presentan teitos desconchados, humidades e goteiras cada vez que chove".
"O máis preocupante é que esta situación non é nova. Desde o ano 2018 existe un proxecto de Evislusa para arranxar estas deficiencias. Con todo, pasaron xa seis anos sen que se destinase un só euro a esta reforma, a pesar de que o Concello contou con 52 millóns de euros de remanentes, fondos que foron malgastados sen atender necesidades tan básicas como esta", argumenta Vázquez.
Así, di que, o estado das oficinas de Xuventude "non só reflicte a deixadez do goberno local, senón tamén a súa falta de compromiso cun segmento de poboación clave para o desenvolvemento de Lugo".
Ademais, din que o mesmo edificio do Uxío Novoneyra alberga tamén as instalacións da Escola de Música, que presentan problemas similares, como pingueiras nas súas aulas.
Por este motivo, o Partido Popular esixirá que nos vindeiros orzamentos municipais se faga un reparto máis xusto, e se prioricen áreas fundamentais como Xuventude, garantindo un investimento que responda ás necesidades reais dos lucenses.
Tamén reclamarán que se leven a cabo as obras de rehabilitación do Edificio Municipal do Uxío Novoneyra, lembrando como en 2020 se sacaron a licitación as obras dos locais do segundo andar do Uxío Novoneyra cun orzamento de 56.953,19 euros.