O Partido Popular de Lugo nega a eliminación da área de Promoción da Lingua no Concello

O Concello de Lugo saíu ao paso das informacións difundidas nas últimas horas para aclarar que é falso que se elimine a área de Promoción da Lingua da estrutura do novo goberno municipal, e defende que se trata dunha reorganización interna das competencias e non dunha supresión das políticas lingüísticas.
Desde o BNG, o portavoz municipal Rubén Arroxo denunciou que o novo goberno local do Partido Popular eliminou a área de Promoción da Lingua do organigrama do Concello, unha decisión que cualificou de “moi negativa”, especialmente no contexto da Semana das Letras Galegas. Arroxo criticou ademais que o executivo, “chegado ao goberno de maneira ilexítima e da man dunha tránsfuga”, aprobase un decreto no que desaparece por primeira vez en moitos anos unha concellería específica dedicada á lingua galega.
Pola súa banda, a plataforma Queremos Galego tamén criticou a supresión da área de Promoción da Lingua, ao considerar que “vulnera de cheo os dereitos lingüísticos do galego e demostra o maltrato ao que o Partido Popular somete o noso idioma”. Ademais, denunciaron a intromisión da Policía Local nun acto de homenaxe a Begoña Caamaño, que contaba con autorización, e que segundo a organización sufriu intimidacións policiais. A plataforma chamou tamén á participación na manifestación en defensa do idioma que partirá este domingo da Alameda de Santiago ás 12.00 horas.
Frente a estas críticas, o goberno municipal de Lugo defende que non se eliminan nin se reducen as políticas de promoción do galego, senón que se reforzan mediante un enfoque transversal. Segundo explica, a antiga área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua Galega estaba integrada nunha mesma Concellería e agora pasa a dividirse en Cultura e Educación por unha banda, e Turismo e Museos pola outra, mantendo a promoción lingüística integrada en ambas as áreas.
O executivo local sostén que o propio decreto de organización recolle expresamente estas competencias e insiste en que a promoción do galego seguirá presente en distintos ámbitos da acción municipal, tanto desde o eido cultural e educativo como desde a promoción turística e patrimonial da cidade.