O Partido Popular de Lugo presentará no próximo Pleno catro iniciativas, preguntas e rogos

LugoXa
As propostas están relacionadas con proxectos que afectan directamente á seguridade, o benestar e a calidade de vida dos lucenses
pleno-municipal-de-Lugo-PP
26 Nov 2024

O Grupo Municipal do Partido Popular presentará no próximo Pleno municipal do Concello de Lugo catro iniciativas relacionadas con proxectos que afectan directamente á seguridade, o benestar e a calidade de vida dos lucenses.

En primeiro lugar, piden que se impulse un Plan Integral de Dinamización que priorice a seguridade, a fixación de poboación e a consolidación de servizos na Milagrosa e Feijóo. Ademais, propoñen a instalación dunha oficina da Policía Local na Milagrosa para reforzar a seguridade e a atención de proximidade.

A segunda petición é reformar a Calzada da Ponte, xa que "a reforma que se fixo presenta deficiencias graves: inundacións, problemas de tráfico, falta de mobiliario urbano e limpeza insuficiente. Propoñemos un Plan de Control de Accesos, Mellora e Mantemento que aborde todas as necesidades que plantexa a veciñanza desta rúa", explican.

Pola súa parte, indican que a Escola Municipal de Música non abriu as súas portas, polo que piden que "se desbloquee este servizo e se adopten as medidas necesarias para que se inicie de inmediato do curso escolar para os máis de 300 alumnos inscritos". Así, argumentan que, cumprindo os acordos do pleno (ano 2022 e 2023) e modificando a Relación de Postos de Traballo en relación aos postos dos músicos con funcións docentes que teñen a titulación necesaria para encadrarse na categoría C1, "solucionarase a situación".

Tamén defenderán no pleno instar ao Concello de Lugo a liderar o proceso de busca dunha nova localización consensuada para a planta de biometano de Coeses. "Este proxecto debe avanzar desde o diálogo e o consenso, protexendo sempre os intereses dos veciños e o equilibrio do territorio".

Ademais destas catro iniciativas, forzarán, din, a que o goberno local comparezca para explicar o conflicto laboral da gardería Gregorio Sanz.

PREGUNTAS E ROGOS DO PP

Pola súa parte, os populares preguntarán polos motivos polos que non se acometeu o proxecto para facer unha beirarrúa en Virxe da Soidade e preguntarán os motivos polos que agora é posible redistribuír fondos dos Hortos Ecolóxicos, "cando antes se aseguraba que non se podía facer" e tamén piden que aclaren se existe risco de perder os Fondos Europeos e se se vai destinar o resto da partida dos Hortos Ecolóxicos á construción da Protectora de Animais.

Por outra banda, preguntarán sobre que tipo de sistema de videovixilancia se vai a implantar no Ceao e cando funcionará; así como pedirán que se informen dos motivos polos que o Parque Infantil de Tráfico está pechado e que se clarifique se teñen data para recuperar a actividade e os cursos de educación vial que se impartían en colaboración cos centros educativos.

Mentres, tamén levarán rogos, como a proposta de adiantar o horario do servizo de madrugadores ás 7.30 horas en todos os centros educativos. "Esta medida permitiría ás familias organizar mellor as súas mañás, eliminando desigualdades entre centros xa que non coinciden".

Tamén piden levar a cabo unha reforma integral do Parque Marcos Cela, xa que din, "esta zona precisa unha intervención urxente. A caseta de entrada pola rúa Magoi está deteriorada, con pintadas e cristais rotos, converténdose nun punto de botellón. Ademais, o espazo interior require reparación de varandas, miradores, escaleiras e unha revisión do arborado, así como a limpeza da fonte do Pilar".

Finalmente, o Grupo Popular solicita a reparación e desbroce e arranxo da rúa Fonmiñá, no Sagrado Corazón, así como tamén a reparación da vía que conecta Astrar coa Campiña, "que se atopa nun estado lamentable debido ás numerosas fochancas que dificultan o seu uso2.

0.17276501655579