O Partido Popular de Lugo propón medidas para revitalizar o barrio da Milagrosa

O Partido Popular de Lugo celebrou un encontro aberto coa veciñanza do barrio da Milagrosa co obxectivo de escoitar as súas inquedanzas, compartir propostas e traballar xuntos na mellora real da calidade de vida nesta zona da cidade.
A reunión contou coa participación de profesionais en ámbitos como a seguridade cidadá, a ocupación ilegal e a integración social, e serviu para poñer enriba da mesa medidas concretas que dean resposta ás necesidades dos veciños.
Un dos temas centrais do encontro foi a seguridade. Benito Martínez, exoficial da Policía Local, salientou a necesidade de reforzar a presenza policial nas rúas e recuperar a figura do policía de barrio como elemento de proximidade e prevención.
Pola súa parte, a voceira do Grupo Popular, Elena Candia, lembrou que o seu grupo leva anos reclamando a creación dunha delegación da Policía Local na zona norte de Lugo para ofrecer unha resposta máis áxil e próxima. “A presenza policial debe entenderse como un compromiso coa seguridade e coa cidadanía”, subliñou.
OUTROS PROBLEMAS
O avogado Raúl Pérez abordou o problema da ocupación ilegal de vivendas, advertindo dos riscos de minimizalo ou negalo, xa que isto podería provocar un efecto chamada e agravar a situación. Tamén criticou a lexislación estatal vixente por ser pouco eficaz na protección dos dereitos dos propietarios.
Neste sentido, Elena Candia insistiu en que “os problemas non se resolven se se negan” e apostou por dotar o barrio de ferramentas útiles. Reiterou a proposta do PP de reforzar o papel da empresa municipal Evislusa mediante a creación dun banco de vivendas en alugueiro que ofreza garantías aos propietarios.
Ademais, lembrou que, malia que o goberno local anunciou ata sete plans de rehabilitación para a zona, ningún foi executado. Tamén destacou o programa recentemente anunciado pola Xunta de Galicia, que ofrece ata 12.000 euros por vivenda a quen rehabilite inmobles e os destine ao alugueiro durante un mínimo de cinco anos.
Por outra banda, a xerente da Fundación FUNGA, Eloína Injerto, advertiu de que “non abonda con peonalizar rúas; é necesario coidar o tecido social, asociativo e multicultural, e atender ás persoas máis vulnerables”. En liña con esta visión, Elena Candia subliñou que “hai que poñer ás persoas no centro” e defendeu un plan de inserción laboral tutorizada, así como políticas activas que protexan a diversidade e fomenten a convivencia.