O paseo marítimo de Foz é agora de sentido único de A Rapadoira a Llas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
8 Maio 2020

O paseo marítimo da vila focense é agora de sentido único de A Rapadoira a Llas para garantir o distanciamento entre as moitas persoas que o utilizan estes días. O Concello de Foz amplía así o plan de acción contra o COVID-19. 

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o Concello de Foz amplía o plan de acción municipal contra o COVID-19, no que se adoptan medidas para garantir a saúde de todos os veciños. Sabemos que mentres non teñamos unha vacina eficaz as medidas de distanciamento físico son a ferramenta máis eficaz para a prevención fronte ao virus. Por iso, vista a cantidade de persoas que optan por pasear e facer deporte polo noso paseo costeiro, e para garantir o distanciamento necesario, adoptouse a decisión de facer de sentido único este paseo. Desta maneira, se camiñamos sentido Llas deberemos facelo polo propio paseo e para a volta utilizaremos a beirarrúa situada na outra beira da estrada. Sabemos das molestias que esta medida pode traer consigo, pero unha vez máis apelamos ao civismo que está demostrando todo o noso pobo durante toda esta crise”.

O rexedor municipal engade: “sabemos que somos un pobo eminentemente turístico e por iso, ante a proximidade da época estival, debemos extremar ao máximo as medidas de distanciamento social. Recomendamos tamén que a circulación de peóns nas beirarrúas de toda a vila se realice polo lado dereito dado que moitas delas son demasiado estreitas e resulta complicado manter a distancia”.

0.18242001533508