O Pazo de Feiras de Lugo acollerá a primeira quedada multimarca de Motor Show

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerá os días 10 e 11 de outubro o Motor Show, unha quedada multimarca que reunirá vehículos de diferentes marcas e motos de distintas cilindradas no marco das festas do San Froilán.
Durante dúas xornadas, o recinto converterase nun punto de encontro para afeccionados ao mundo do motor, que poderán achegarse para coñecer os vehículos participantes, compartir experiencias e gozar dun ambiente marcado pola afección ao automobilismo e ao motociclismo.
A iniciativa desenvolverase coincidindo cun dos momentos de maior actividade en Lugo, co ambiente festivo do San Froilán como escenario. A organización anima as persoas que dispoñan de coche ou moto a participar nesta primeira quedada multimarca da cidade.