A III Feira de educación, formación e emprego celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos

LugoXa
O evento reunirá a 42 institucións e máis de 2.500 estudantes da provincia para orientar sobre estudos e saídas profesionais
Feira-de-Educación,-Formación-e-Emprego-Pazo-de-Feiras-Lugo-26
Actualizada el 13 marzo 2026, 14:42 horas
12 Mar 2026

A sala de prensa da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo acolleu a presentación oficial da III Feira de Educación, Formación e Emprego, que se celebrará o martes 17 e o mércores 18 de marzo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, consolidándose como unha cita en crecemento destinada a orientar á mocidade sobre o seu futuro académico e laboral.

O acto contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; da directora territorial de Educación, Sagrario Sánchez; do tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo; e do xerente do recinto feiral, Rubén López.

A feira abrirá ao público os dous días en horario de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, con acceso libre e gratuíto. A zona expositiva contará cun amplo número de stands e profesionais que ofrecerán asesoramento personalizado aos mozos e mozas que buscan orientación sobre estudos ou oportunidades laborais.

Entre os participantes haberá centros de Formación Profesional que presentarán os ciclos formativos con maior demanda e mellores saídas profesionais, universidades do sistema universitario e centros adscritos, escolas oficiais e conservatorios, así como representación das forzas e corpos de seguridade e emerxencias. Neste ámbito, contará cunha presenza destacada das Forzas Armadas, da Garda Civil e da Policía, que informarán sobre os procesos de acceso e as posibilidades de carreira nestes corpos.

Do mesmo xeito que na edición anterior, o espazo expositivo completarase cun programa de charlas, presentacións e obradoiros dirixidos a facilitar a orientación académica e laboral das persoas asistentes. A organización avanzou que a programación detallada e os horarios das actividades daranse a coñecer proximamente.

Durante a presentación, os participantes destacaron a colaboración institucional que fixo posible este evento, considerado pioneiro en Galicia. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, subliñou que a feira “naceu de pé” e que desde a súa primeira edición foi un éxito grazas ao traballo realizado. Ademais, salientou a relevancia desta iniciativa para a mocidade que afronta decisións sobre o seu futuro, ao permitir coñecer novas opcións formativas que poden resultar máis atractivas.

Pola súa banda, o xerente do recinto feiral, Rubén López, destacou o impacto social da iniciativa, ao dar resposta á necesidade dos mozos de aclarar o seu camiño académico e profesional. Tamén puxo en valor o crecemento da feira nesta terceira edición, na que se ocupará un pavillón completo e diáfano de 3.800 metros cadrados, fronte aos 1.200 da primeira convocatoria, cunha asistencia confirmada de máis de 2.500 alumnos procedentes de distintos puntos da provincia.

Para facilitar a asistencia destes estudantes, o Concello de Lugo colaborará novamente habilitando dous autobuses urbanos que realizarán os desprazamentos desde os centros educativos ata o recinto feiral. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, felicitou á organización e sinalou que para o goberno local é unha satisfacción apoiar un evento “moi acaído e necesario” para resolver as dúbidas que xorden entre o alumnado na etapa previa á universidade ou á hora de elixir un ciclo formativo.

A feira contará con 42 institucións representadas, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela, que presentará a totalidade dos seus graos, ademais de 23 centros públicos e a presenza das Forzas Armadas.

Como novidade nesta edición, a directora territorial de Educación, Sagrario Sánchez, anunciou que a Dirección Xeral de Xuventude habilitará un punto no que os mozos e mozas poderán tramitar e obter no momento o Carné Xove (Tarxeta Nova). Sánchez tamén convidou ás familias a visitar a feira durante o horario de tarde, lembrando que no stand da Consellería haberá orientadores profesionais que ofrecerán asesoramento directo ás familias e ao alumnado.

0.12003493309021