O Pazo de San Marcos acolle a exposición fotográfica 'Destino' de Manuel Valcárcel

LugoXa | RibeiraSacraXa
O Pazo de San Marcos acolleu a exposición fotográfica Destino, de Manuel Valcárcel, que se poderá visitar ata o 31 de xaneiro de 2023
Exposición Destino Valcarccel
2 Dec 2022

O Pazo de San Marcos acolleu a inauguración da exposición fotográfica Destino, de Manuel Valcárcel, que se poderá visitar nos corredores da planta baixa do edificio provincial ata o 31 de xaneiro de 2023. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca foi o encargado de inaugurar a exposición e no acto estivo acompañado polo artista monfortino e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

José Tomé destacou de Valcárcel que é unha persoa que “mantén o arraigo á súa terra e á súa cultura, e aprovéitao para intentar comprender mellor outras paisaxes e outras xentes”. Esta exposición conta con trinta fotografías nas que se retratan cinco viaxes en orde cronolóxica, “é o resumen dunha peregrinaxe feita polo autor, pero tamén unha invitación a viaxar con el polo mundo adiante a través das súas fotografías”, apuntou.

“Penso que Manuel Valcárcel está a xogar con gran intelixencia as cartas de creatividade e talento que o destino lle outorgou”, asegurou o presidente, ao tempo que celebrou a oportunidade de “divulgar esta fantástica mostra entre os lucenses e entre todas as persoas que se acheguen ao Pazo de San Marcos”.

Reafirmou o compromiso da Deputación coa difusión da cultura e do talento lucense a través de axudas, de acordos de colaboración ou de respaldo ao audiovisual.

A exposición

Destino é un proxecto que Manuel Valcárcel comezou en 2016 e no que realiza unha peregrinación interior por catro continentes no que vai unindo historias ligadas polo destino das eleccións do ser humano. A exposición divídese en cinco viaxes, que van en orden cronolóxico: O Tíbet, O Senegal, México, La Casa de los Dioses (León) e Galicia. Na institución provincial poden visitarse as dúas últimas paradas da viaxe.

0.074084043502808