O Pazo de San Marcos acolle a exposición ‘Mulleres de Gaza’, de Nour e Anwar Abu Rayan

LugoXa
A mostra reúne vinte cadros que retratan a vida cotiá, a dor e a resistencia das mulleres palestinas e poderá visitarse nos corredores do edificio provincial ata o 28 de outubro
exposición-Mulleres-de-Gaza
29 Sep 2026

O Pazo de San Marcos acolle desde estes días a exposición ‘Mulleres de Gaza’, das artistas palestinas Nour e Anwar Abu Rayan, unha colección de vinte cadros que amosan a realidade da poboación palestina, marcada pola violencia, o desprazamento, a dor e a resistencia. A mostra, que poderá visitarse nos corredores do edificio provincial ata o 28 de outubro, utiliza a pintura para dar visibilidade ás vivencias das mulleres da Franxa de Gaza nun contexto de violencia que continúa.

A través das súas obras, as irmás Abu Rayan retratan escenas da vida cotiá dunha poboación asediada por terra e aire, así como as consecuencias humanas do conflito. Desde a veciña Cisxordania, onde viviron de preto as distintas formas de violencia vinculadas á ocupación, as artistas empregan pinceis e cores para contar as historias das mulleres retidas e masacradas en Gaza, reflectindo unha realidade que tamén as afecta directamente.

As vinte pezas conforman un relato visual sobre a vida de mulleres palestinas que, a través da arte, buscan manter viva a memoria e dar voz a unha poboación que continúa sufrindo as consecuencias da violencia. A exposición pretende achegar esta realidade á cidadanía e convidar á reflexión sobre a situación dos dereitos humanos en Palestina.

A iniciativa chega a Lugo da man da Coordinadora Galega de ONGD, en colaboración coa Asemblea de Cooperación pola Paz e a súa entidade socia nos territorios ocupados, o Psychosocial Counseling Center for Women (PSCCW), organizacións que custodian as obras de Nour e Anwar Abu Rayan e que facilitaron a súa chegada á cidade.

O PSCCW traballa con mulleres e familias palestinas afectadas pola ocupación, a vulneración de dereitos e diferentes formas de violencia. Pola súa banda, a Asemblea de Cooperación pola Paz promove unha cooperación solidaria e transformadora, centrada na protección da poboación civil e na defensa da dignidade e a igualdade. A Coordinadora Galega de ONGD desenvolve desde Galicia un modelo de cooperación baseado no desenvolvemento sustentable, o feminismo e os dereitos humanos.

Tras a súa estadía no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, onde formou parte do programa ‘Compostela máis Solidaria’ e contou co apoio da comunidade veciñal, a exposición chega agora ao Pazo de San Marcos no marco do vixésimo aniversario da Rede Museística Provincial. A proposta reforza así o papel dos museos como espazos de sensibilización e transformación social, achegando á cidadanía lucense unha realidade que segue a reclamar atención.

0.12777304649353