O Pazo de San Marcos acolle a exposición 'O derradeiro trazo de xiz' de Miguel Muñiz

LugoXa
A mostra propón unha viaxe polas antigas escolas rurais galegas e reivindica a memoria do ensino tradicional
mostra-O-derradeiro-trazo-de-xiz-Lugo
19 Mar 2026

O Pazo de San Marcos inaugurou a exposición fotográfica e documental 'O derradeiro trazo de xiz', unha proposta do autor Miguel Muñiz que convida a percorrer a historia das antigas escolas rurais de Galicia.

A iniciativa ofrece unha mirada nostálxica e ao tempo necesaria sobre estes espazos educativos, moitos deles hoxe en día abandonados ou desaparecidos. A mostra reflicte con sensibilidade o progresivo declive deste modelo de ensino, que estaba profundamente integrado na vida familiar e no ciclo agrícola, especialmente tras a aprobación da Lei Xeral de Educación de 1970 e o proceso de concentración escolar nos núcleos urbanos.

A través das imaxes, nas que antigos alumnos e alumnas aparecen retratados nos restos das súas escolas, os visitantes poden establecer unha conexión directa coa memoria do rural galego e reflexionar sobre o desarraigo e a perda de cultura tradicional que supuxo o peche destes centros. Ademais, a incorporación de códigos QR permite completar a experiencia cunha vertente inmersiva, escoitando os testemuños directos de quen viviu aquela realidade educativa.

A inauguración contou coa presenza da deputada de Cultura, Iria Castro; da xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; e do músico e mestre Antón Castro, que acompañaron ao autor xunto a numeroso público. Durante o acto tamén se lembrou o labor do colectivo pedagóxico Mestras da Montaña, así como das mestras e mestres represaliados.

As intervencións coincidiron en destacar a exposición como unha oportunidade para recoñecer o esforzo de moitas familias galegas por garantir un futuro mellor aos seus fillos a través dun ensino próximo e humano.

A mostra complétase con mobiliario e materiais didácticos característicos das escolas rurais e poderá visitarse ata o 13 de maio na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

0.10085988044739