O Pazo de San Marcos acolle a presentación do libro 'Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación'

LugoXa
O Pazo de San Marcos acollerá o vindeiro luns 26 de decembro a presentación do libro Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación (1932-1982), de Aurelia Balseiro García que terá lugar ás 20.
22 Dec 2022

O Pazo de San Marcos acollerá o vindeiro luns 26 de decembro a presentación do libro Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación (1932-1982), de Aurelia Balseiro García que terá lugar ás 20.00 horas.

Como se recolle no título, a publicación, que se edita coincidindo co noventa aniversario do centro museístico, trata sobre a súa orixe e consolidación na súa primeira andaina, entre 1932 e 1982. O estudo remata cronoloxicamente en 1982, cando cumple cincuenta anos de existencia, pero tamén analiza a xestación da idea do museo e os intentos de creación desde mediados do século XIX, recuperando os antecedentes que derivaron no acordo de creación do Museo Provincial de  Lugo pola Deputación en 1932.

A autora realiza un estudio historiográfico e unha revisión crítica da documentación referida ao museo integrando un cadro temático de grande interese no que se tratan, entre outras cuestións: as circunstancias da inauguración en 1934, as sedes ou inmobles do museo cos seus respectivos arquitectos, a transformación do espazo urbano ao seu redor, a Xunta reitora e o regulamento inicial, os mecenados e benfeitores do museo e os seus directores, as coleccións incorporadas ao longo do tempo, a museografía, a investigación dos seus fondos e as publicacións, rematando cunha evolución histórica da andaina realizada entre 1932 e 1982. A investigación pretende pois, segundo se recolle no libro, “a recuperación da memoria para construír un relato coherente da historia institucional do Museo Provincial  de Lugo”.

Ademais da autora, que debullará o contido da publicación, o acto, que presentará a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, contará con intervencíons musicais, a cargo da violonchelista Cristina Nogueira, e coas intervencións de Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, o museólogo e historiador, Felipe Arias, e o responsable do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Xoan Cuba. Ademais, proxectarase un audiovisual sobre o Museo realizado en 1982.

A celebración da presentación no Pazo de San Marcos incide na propia  historia do Museo Provincial de Lugo xa que o edificio da Praza de San Marcos foi a súa primeira sede.  Trasladouse á súa ubicación actual, no antigo convento de San Francisco, en 1957.

0.14354491233826