O Pazo de San Marcos acolle unha proxección-coloquio cos videoclips finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo

O Pazo de San Marcos converterase este xoves, 12 de marzo, nun punto de encontro entre música e audiovisual coa celebración dunha proxección-coloquio dedicada aos videoclips finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo. O acto desenvolverase ás 20.15 horas no Salón de Actos e contará coa presenza de artistas e integrantes dos equipos responsables da produción e realización destas pezas audiovisuais nomeadas aos galardóns da Academia Galega do Audiovisual.
No encontro participarán diferentes protagonistas dos traballos finalistas. Entre eles estarán Fran Fórneas e Sergio Marey, responsable do deseño de vestiario do videoclip “Ferido”, de O Xoán; Sara Faro e María Pérez, integrantes de Fillas de Cassandra, candidatas polo videoclip “Hibernarse”; Sabela Ramil xunto á directora Paula Pereira, responsable da peza “Non cho podo dar”; así como Nuno García Pico e Xaime Miranda, director do videoclip “Ontes fun moi malo”, de Grande Amore. A cantante Laura Lamontagne será a encargada de conducir e moderar o coloquio e tamén ofrecerá unha actuación durante o acto.
Durante a presentación da actividade, a deputada responsable destacou que o encontro permitirá achegarse ao proceso creativo e de produción deste formato audiovisual, que foi gañando presenza e recoñecemento nos últimos anos co papel cada vez máis relevante de internet e das redes sociais no consumo musical. Ademais, subliñou que o momento de efervescencia que vive a música en Galicia, representado polas artistas e bandas presentes nos videoclips finalistas, contribúe tamén a ampliar as oportunidades laborais para os profesionais do sector audiovisual.
A actividade será gratuíta e con entrada libre ata completar aforo. Esta proposta forma parte da programación impulsada nas últimas semanas pola Academia Galega do Audiovisual e pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da celebración dos XXIV Premios Mestre Mateo. A gala de entrega terá lugar por primeira vez na cidade de Lugo o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan Os Ventos.